Xinzo de Limia

Xinzo anuncia a bolsa de coidado de menores dentro do Plan Corresponsables

A bolsa de coidados profesionais de menores abarca dúas modalidades: o Concilia Verán e a bolsa de coidados en domicilios.
Imaxe da Presentación
Imaxe da Presentación

Xinzo de Limia, a 28 de xuño de 2024. O Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres, pon en marcha por primeira vez, dentro do Plan Corresponsables, a bolsa de coidados profesionais de menores, tanto en instalacións públicas como en domicilios, dende o 01 de xullo até o 30 de setembro.

Estas bolsas de coidados profesionais están orientadas a favorecer a conciliación das familias con menores a cargo, dándolle prioridade ás unidades monomarentais, ás vítimas de violencia de xénero, a mulleres en situación de desemprego ou situacións familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

A bolsa de coidados profesionais de menores abarca dúas modalidades: o Concilia Verán, e a bolsa de coidados en domicilios. O Concilia Verán é un espazo de coidados para menores entre 3 e 16 anos, en instalacións públicas, de luns a venres en horario de mañá de 09:00 a 15.00 horas con grupos de 15 persoas por quinquena. Á fronte do Concilia estarán dúas profesionais con experiencia en actividades con menores e formación académica regrada.

A outra modalidade é a bolsa de coidados profesionais de menores en domicilios, que se desenvolverá en horario de tarde, de luns a venres. A demanda deste servizo terá que realizarse con dous días de antelación chamando ao CIM de Xinzo de Limia. 

Este proxecto está financiado polos fondos finalistas do Estado do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade e da Consellería de Política Social e Igualdade. 

Plan Corresponsables