MEDIO CENTO DE ESTABLECEMENTOS OFERTARÁN OS SEUS PRODUTOS NA IV FEIRA DO COMERCIO
O Concello de Xinzo de Limia impulsa a IV Feira do Comercio Prolimia
Xinzo de Limia, a 01 de agosto de 2023. A Feira do Comercio de Xinzo de Limia defínese coma “un escaparate único para amosar o potencial dos negocios limiáns”. Así comentou o alcalde, Amador Díaz, acompañado polos concelleiros de Promoción Económica, Ricardo Sieiro; o presidente do INORDE, Rosendo Fernández; a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; e membros da directiva de Prolimia encabezada por Conchi Conde; durante a presentación da IV edición desta iniciativa en favor do comercio local.
O rexedor lembra que “unha edición máis esta Feira do Comercio potenciará ós pequenos negocios da nosa vila, que son os que nos atenden con cariño, proximidade e profesionalidade durante todo o ano”.
Pola súa parte, dende Prolimia queren agradecer unha vez máis “a colaboración de diferentes asociacións e das institucións, especialmente ó Concello de Xinzo de Limia e ó INORDE, que apoian crecentemente este proxecto dende a súa primeira edición”.
Durante os tres días nos que se desenvolverá a feira levaranse a cabo degustacións gastronómicas, actuacións musicais, obradoiros e outras propostas consideradas de gran interese. Para os nenos haberá tamén entretemento con inchables no exterior do pavillón.
As previsións con esta feira, que se inaugura o venres 25 de agosto ás 12.00 horas, son moi optimistas tendo en conta o crecente apoio por parte da cidadanía a esta iniciativa, sobre todo despois do gran éxito da pasada edición.