Xinzo de Limia Anuncios

Xinzo de Limia acolle a I Feira do Mercado Social en terras ourensás cun gorentoso programa repleto de actividades que convida a gozar o día enteiro en familia

  • O Xinzo de Limia acolle a primeira edición da Feira da Economía Social e Solidaria en Ourense con máis de 20 postos e actividades para toda a familia.

  • Obradoiros, xogos e cultura comunitaria marcarán a programación desta xornada, que convida á reflexión sobre o coidado do territorio e o consumo consciente.

  • A música de Cé Orquestra Pantasma poñerá o broche final a un día repleto de actividades, entre as que destacan presentacións literarias, catas de chocolates e espectáculos familiares.

Chus Caramés, Amador Díaz e Carlos Gómez.
Chus Caramés, Amador Díaz e Carlos Gómez.

Xinzo de Limia, a 22 de outubro de 2024. O vindeiro 27 de outubro, o concello de Xinzo de Limia achega por primeira vez o Mercado da Economía Social e Solidaria a Ourense, cunha feira de máis de 20 postos con produtos e servizos de proximidade alternativos á economía capitalista

A feira desenvolverase na praza Carlos Casares, diante da Casa da Cultura, de 11:00 a 19:30h con vontade de dar visibilidade a proxectos e actividades de Economía Social con produtos e servizos de proximidade e sustentables. Así, esta primeira edición acolle a máis de 20 postos pertencentes aos diferentes sectores, como son: agroecoloxía e produtos locais, enerxía renovable, economía circular, vivenda colaborativa, economía dos coidados, etc. Ademais, unha nutrida programación composta por actividades lúdicas, musicais e de divulgación, convida a crianzas e persoas adultas a achegarse para gozar do día.

A xornada comezará ás 11:45h. coa presentación do libro «Pragas e doenzas», de Rosendo Luis Estévez (Catro Ventos Editora, 2024). Seguiralle, ás 12:30h., a presentación da curta “os pousos do café” de Solidariedade Internacional Galicia, acompañada dun café quentiño de cortesía.

Ás 13:00h, as familias poderán gozar do espectáculo de narración oral para público familiar  “A Maleta Da Avoa”, coa verinesa Raquel Queizás.

Logo da pausa para o xantar, retomarase a actividade no espazo ás 16:00h cun café - encontro que convida a todo público implicado ou interesado en atender ao coidado do territorio desde a cultura, a se sentar arredor dun café para construírmos entre todas propostas de acción que atendan ás necesidades reais de cada territorio e desde as súas verdadeiras protagonistas. Baixo o título: 'A cultura comunitaria como resistencia ', haberá un faladoiro aberto con vontade de brindar un espazo coidado de encontro entre os diversos axentes culturais da contorna, no que compartir inquedanzas, motivacións e esforzos de cara a identificar oportunidades e alianzas de xerar propostas colectivas.

Tamén a partir das 16:00h e ata as 19:00, grandes e pequenas xogantinas terán a disposición un espazo de xogo libre coa colección de xogos artesanais de Miudiño S.Coop.

Para a hora da merenda, ás 18:00h, haberá unha cata de chocolates de comercio xusto con Solidariedade Internacional de Galicia para gozo dos padais máis larpeiros e ás 19:30h, poráselle o broche de ouro final a esta fantástica xornada co concerto de Cé Orquestra Pantasma.

Sen dubida, é difícil resistirse a esta cita na que poder coñecer a economía social e solidaria, que une produtoras con consumidoras e que aposta por poñer ás persoas no centro e o consumo consciente, local e sustentable. Unha xornada na que se poder divertir aprendendo de como poder coidar de todas nós.

Esta actividade, organizada pola asociación Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia (REAS), está promovida polo concello de Xinzo de Limia e a Rede Eusumo, no marco do programa de actuación 2024/2025. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Cartel co Programa
Cartel co Programa