Xinzo de Limia Concello

O 76% das persoas participantes na enquisa do Plan de Igualdade de Xinzo cre que homes e mulleres non teñen as mesmas oportunidades para traballar

reunión3
reunión3

A diagnose é clara: en materia de igualdade, Xinzo de Limia debe seguir avanzando. A primeira fase do primeiro Plan de Igualdade participativo do Concello rematou coa análise dos datos da enquisa na que participaron máis de 200 persoas. Estes datos pormenorizados déronse a coñecer nunha reunión á que asistiron a alcaldesa, Elvira Lama; as persoas expertas que están elaborando o Plan; así como representantes de diferentes organizacións de mulleres, ANPAs, profesionais de diferentes sectores, asociacións sindicais, económicas, deportivas, culturais, veciñais e representantes de partidos políticos con representación municipal. A partir deste encontro co tecido social, económico, cultural, deportivo e político seguirase avanzando na elaboración do documento.

Os resultados da enquisa revelan a preocupación dos homes e mulleres de Xinzo de Limia pola desigualdade de sexos. Así, arroxa datos como que o 76% das persoas cren que homes e mulleres non teñen as mesmas oportunidades para traballar. Un 83 % das mulleres consideran que elas sofren mais discriminación, especialmente no ámbito laboral, á hora de acceder a un posto de traballo.

A participación na enquisa é salientable. Responderon un total de 205 persoas, a maioría mulleres da coñecida como Xeración X, nadas entre os anos 1969 e 1980. Case o 56 % dos e das participantes contan con estudos universitarios; a maioría teñen fillos/as e traballan no sector terciario. Tamén cómpre destacar que teñen ingresos mensuais que oscilan entre os 900 e os 1.200 euros.

Aínda que os datos da enquisa evidencian unha clara percepción da desigualdade de xénero, que é detectada masivamente polas mulleres pero tamén polos homes que responderon, tamén reflexa o esforzo realizado dende o Concello en materia de igualdade, valorándose as campañas executadas nos últimos anos que contaron cunha participación de mais do 40 % das persoas que completaron a enquisa. O 5 % das mulleres que contestaron, aseguran haber solicitado os servizos que presta en Xinzo o Centro de Información á Muller.

Neste sentido, un 60% dos homes que completaron o formulario e un 55 % das mulleres cren que hai que seguir sensibilizando á sociedade para evitar os prexuízos machistas e un 79% de ambos sexos aposta por reforzar a educación en igualdade nas escolas.

Datos preocupantes de violencia de xénero.

Un 24 % das mulleres asegura que sufriu situacións de acoso sexual e abuso sexual no último ano; o 7% afirma ter recibido insultos da súa parella ou ex-parella e un 6% de mulleres declara ter sufrido violencia e  emprego da forza para manter relacións sexuais. Esta mesma porcentaxe de mulleres manifesta que sufriu agresións físicas. Foron un total de 8 as que presentaron denuncia ante as forzas de seguridade.

Tamén compre salientar que aquelas persoas usuarias de servizos públicos como o Centro de Información á Muller, os Servizos Sociais, a Policía ou os Xulgados, valoran positivamente o trato recibido e a axuda prestada na resolución das cuestións expostas.

A finalidade desta primeira parte do Plan pasa por unha potente diagnose de igualdade que mida os indicadores mais importantes, analice os programas e as actuacións, así como os recursos dispoñibles. Nesta fase tamén se despregan as ferramentas participativas para que a cidadanía faga chegar as propostas para o deseño do Plan.

O Plan de Igualdade preséntase como unha folla de ruta que planificará con medidas, indicadores e sistemas de avaliación a política de igualdade municipal durante os vindeiros catro anos. Trátase, en definitiva, de facer un documento que guíe as políticas públicas municipais.