Afaor e o Concello suman esforzos para previr o deterioro cognitivo dos maiores con obradoiros que se estenderán a todos os pobos
Que o paso dos anos non borre os recordos dos nosos maiores. Este é o obxectivo do Concello de Xinzo de Limia e Afaor, que levan anos unindo as súas forzas mediante convenios de colaboración. Antes de que irrompese a pandemia os esforzos centráronse en ofrecer asesoramento ás familias e aos coidadores das persoas con problemas cognitivos. A partir de mañá porase o acento na prevención. Na parroquia de Ganade levarase a cabo un obradoiro para previr o deterioro cognitivos dos veciños maiores de 64 anos. Será a partir das 16.30 horas e son 25 os inscritos. A intención do executivo local e estender esta iniciativa ao resto dos pobos.
A colaboración entre Afaor e o Concello de Xinzo refórzase. A través da concellería de Servizos Sociais ofreceranse así obradoiros de memoria que permitirán frear o deterioro cognitivo dos maiores e loitar contra o esquecemento que causan enfermidades que se agravan coa idade.
A intención do executivo local é poder dar continuidade a estas actividades noutros locais sociais dos pobos de Xinzo de Limia que así o soliciten. Anímase a todos os veciños maiores de 64 anos a participar para mellorar a súa calidade de vida. O concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, puxo en valor a iniciativa: “A prevención do deterioro cognitivo é clave para os nosos veciños de máis idade. Trátase de obradoiros nos que se exercitará a memoria e que mellorarán o seu día a día”.
A asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense nace en 1995. Trátase dunha organización sen ánimo de lucro que ten como principal obxectivo mellorar a calidade de vida dos usuarios e apoiar a coidadores e familiares. Para cumprir con esta labor, Afaor conta cunha rede de colaboración formada por entidades públicas, privadas e os seus asociados. A intención é facilitar o día a día dos pacientes e dos seu entorno.