Alfonso Carlos Lois, técnico de Cultura de Xinzo, premio Bispo Idacio nesta edición do Esquecemento
Non só de teatro e música componse o programa da Festa do Esquecemento. Onte entregouse o premio de investigación histórica Bispo Idacio a Alfonso Carlos Lois Suárez, técnico de Cultura do Concello de Xinzo, pola súa traxectoria na organización da festa e a súa dedicación. O acto tamén contou cunha homenaxe a Manolo Viso e a Óscar Fernández. A programación comezou o venres con grandes doses de entretemento, espectáculos de lume e música que lograron implicar a decenas de veciños nunha edición na que se están a extremar as medidas de seguridade e que ten o Toural como principal escenario.
Para hoxe está prevista a adaptación do cruce do río Lethes, a partir das 17.00 horas tamén no Toural. Un novo espectáculo circense poderá verse a partir das 19.00 horas e ás 20.30 horas subirá ao escenario Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.
Ademais, a programación inclúe por primeira vez un Escape Room na praza Carlos Casares, sobre a temática da festa que se repetirá hoxe. Tamén atraccións tradicionais para os máis pequenos na praza de San Roque, como carruseis de madeira.
Cómpre destacar que o mercado de artesanía permanecerá instalado no Toural e que son unha vintena os postos que ofrecen os seus produtos a veciños e visitantes.