Xinzo de Limia Concello

Apoyo unánime do pleno á proposta do goberno local para devolver a taxa do lixo do 2020 aos autónomos

pleno
pleno

Foi un pleno marcado pola unanimidade. Co apoio de todos os grupos saíron adiante propostas tan necesarias nestes tempos como a que promove o goberno local para devolver a taxa do lixo do 2020 aos autónomos da vila mediante a aprobación dun suplemento de crédito por 100.000 euros. Unha vez que se deu luz verde a este punto, e previa solicitude dos interesados, procederase a devolución do importe que teñan pagado no exercicio anterior.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, recalcou a importancia desta iniciativa: “Todos os profesionais que teñen hoxe aberto un negocio están facendo algo heroico, manter as portas abertas. Ogallá este executivo puidera saber o que vai pasar coa pandemia para tomar decisións anticipadas, pero ninguén o sabe. Intentamos dar solucións cando xorden os problemas, como se demostra, e iso xa é moito”.

Tal e como explicou o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez Campos, durante os últimos meses foron dúas as convocatorias que se abriron para axudar a este colectivo. A última data do mes de marzo, cando se anunciaron axudas que poderían solicitar os profesionais adicados a actividades diferentes das que foron beneficiarias na primeira convocatoria, máis enfocada á hostalería e o comercio, e que finalizou deixando un remanente por importe de 54.200 euros. Unha vez pechados estes procedementos e cos fondos sobrantes, o Concello de Xinzo de Limia solicitou un suplemento de crédito que ascende a 100.000 euros e que pretende seguir contribuíndo a paliar as consecuencias da crise económica.

Sobre a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público, tamén aprobada en sesión plenaria, anunciouse o cobro mínimo de 450 euros aos stands que participen na Feira da Pataca e Maquinaria, unha cifra inferior á que se pide noutras citas das mesmas características. Así o valorou o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz: “Queremos que esta feira sexa un referente e será todo un reto porque este ano coincidirá coa de Silleda. Aínda así, contamos que veñan moitos profesionais, posto que non ten nada que ver a cantidade que se pide aquí coa que se solicita noutras feiras”.

Tamén saíu adiante a modificación do anexo de subvencións do orzamento do 2021 e anunciouse así o apoio económico a dúas asociacións. Auria, adiada a axudar a persoas con diabetes e que acaba de abrir un local na vila, recibirá 1.000 euros, mentres que a Afaor, Asociación de Alzheimer de Ourense, obterá 2.500 euros.

 

Co apoio de todos os grupos tamén se aprobaron dúas mocións presentadas polo Partido Popular e relativas a instar ao Goberno central á retirada do plan de cobro polo uso das autovías e a solicitar melloras no servizo de Correos. Con respecto a esta última, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, aclarou o seguinte: “Os servizos básicos son moi necesarios no rural. Deberíase reforzar este cando hai baixas ou vacacións, tendo en conta ademais que Correos incrementou os seus beneficios no último ano”.