Xinzo de Limia Concello

Arranca o primeiro Plan de Igualdade participativo de Xinzo cunha enquisa para definir as políticas públicas municipais dos próximos catro anos

O cuestionario pode descargarse premendo aquí.

Prestar atención a un problema social tan relevante como é a desigualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Este será o obxectivo do novo Plan de Igualdade Municipal de Xinzo de Limia, o primeiro que se realiza con participación da cidadanía e que arranca cunha enquisa dirixida a toda ela. A finalidade desta primeira parte do plan é analizar, con impacto de xénero, a situación actual do concello e para levar a cabo medidas que avancen en favor da igualdade.

O plan de Igualdade preséntase como unha folla de ruta que planificará con medidas, indicadores e sistemas de avaliación a política de igualdade municipal durante os vindeiros catro anos.

A primeira fase na elaboración do Plan de Igualdade arranca cun cuestionario dirixido a toda a cidadanía, homes e mulleres que viven en Xinzo de Limia, para poder elaborar un diagnóstico da situación do pobo, coñecer a realidade en materia de igualdade entre mulleres e homes, contar cunha visión detallada da poboación, así como da xestión das políticas públicas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero.

Desagregaranse as características da poboación municipal en función do sexo para poder observar, mediante a análise das fendas detectadas, as diferencias e desigualdades nas distintas variables. Ao mesmo tempo, detectaranse as limitacións na xestión do municipio que poidan estar a provocando ou perpetuando desigualdades.

O cuestionario conta tamén con preguntas abertas que permitirán analizar polo miúdo as resistencias existentes ou a falla de sensibilización e coñecemento sobre a necesidade de implementar medidas que corrixan as desigualdades. Tamén busca identificar os ámbitos que presentan as maiores limitacións e determinar as actuacións que garantan a igualdade en aspectos tales como  o emprego, a agricultura,  educación, a cultura, a saúde, o deporte, o urbanismo, a seguridade ou os servizos de información e asesoramento.

O coñecemento da realidade obtense, entre outras vías, mediante  a recollida de opinións e valoracións da veciñanza, que no caso de Xinzo será unha fonte primaria na obtención de información.

Ao cuestionario, cun total de 49 preguntas, poderán acceder tanto homes como mulleres a través das redes sociais e da páxina web do Concello de Xinzo. A intención é que tamén estea dispoñible en papel nos centros de maiores, centros sociais, de saúde ou colexios, entre outros espazos públicos e privados.

O Concello pide a colaboración de asociacións, entidades, colectivos profesionais e a cidadanía en xeral para que axude na difusión en liña (a través das súas redes sociais e mesmo whatsapp) deste cuestionario e así poda ser respondido polo maior número posibles de veciños e veciñas.

Cos datos que se desprendan do cuestionario realizarase unha informe diagnóstico, con impacto de xénero, sobre a situación real do Concello. Trátase, en definitiva, de facer un documento que guíe as políticas públicas municipais.