A banda de Gaitas de Xinzo e Cidade de Antioquía triunfan en tres das catro categorías do Certamen Celtibérico
Todas as previsión víronse superadas en Xinzo de Limia. O Certame Celtibérico de Bandas converteu o concello na capital da gaita e milleiros de persoas foron testemuñas do seu éxito. A ocupación rozou o 100% nos hoteis de toda a comarca e a súa celebración durante toda a fin de semana deu tamén empuxe aos locais hostaleiros. O ambiente festivo foi constante nas rúas da vila e quedan no recordo grandes momentos para os veciños e veciñas, visitantes e para o preto dun milleiro de participantes. En total, case unha trintena de bandas tiveron en Xinzo de Limia un escenario para mostrar o seu talento. Os grupos locais deixaron o listón altísimo e esta mañá a Banda de Gaitas de Xinzo conseguiu erixirse gañadora en dúas das catro categorías do Certame e Cidade de Antioquía logrou o segundo posto na de segundo grao.
Máis en concreto, no primeiro grao proclamáronse gañadores en primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente, as bandas de Xinzo de Limia, Castro Bergidum (Ponferrada) e Nova Fronteira (Barbadás). En segundo grao o primeiro posto foi para a banda de SaoTiago de Cardielos (Portugal), Cidade de Antioquía de Xinzo logrou o segundo e Agarimo de Catabois –B de Ferrol o terceiro. Os gañadores de terceiro grao foron Lembranza Solpor de Celanova, La Tarabica-Casa de Asturias de Guadarrama e a Ínsua de Caldelas de Tui. Por último, en cuarto grao os premiados foron a banda de Xinzo de Limia, Toxo Queimado (Lugo) e o grupo do Concello de Riós.
Músicos dunha decena de provincias de toda España e tamén de Portugal mostraron tamén o seu talento na primeira edición do Concurso de Gaitas&Percusión da Limia, un evento que contou con gran éxito e que terá continuidade.
Óscar Ibáñez, Arturo Lamas ou José Ángel Hevia foron algúns dos recoñecidos gaiteiros que se deron cita en Xinzo de Limia esta fin de semana. Hevia encargouse de dar o pregón e asegurou que “Xinzo e a gaita son obxectos da miña devoción e na vida hai devocións cuxo culto non convén demorar”.
Fernando Dopico, director da Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia destacou a gran participación rexistrada neste Certame e a calidade demostrada polas bandas en todas as categorías. “Tamén quero felicitar aos seus integrantes pola súa elegancia e puntualidade”, engadiu.