Xinzo de Limia Concello

Un cento de nenos e nenas do Campus de Verán de Xinzo participaron nunha exhibición dos corpos de seguridade no IES Cidade de Antioquía

Campus 18
Campus 18

O IES Cidade de Antioquía semellaba esta mañá o escenario dun filme de acción. Ata alí se desprazaron unidades da Garda Civil cos seus vehículos para ofrecer unha exhibición aos centenar de nenos e nenas que están a participar no Campus de Verán. O obxectivo desta actividade, que é a primeira vez que se leva a cabo dentro da programación do campamento, foi concienciar aos máis pequenos da importancia do traballo que realizan os axentes.

Dende as 10.00 horas, os participantes tiveron a oportunidade de subir ás motos e incluso ao helicóptero da Garda Civil. Tamén puideron probarse os seus cascos e asistir á simulación dun rescate con cans adestrados. Foi, en definitiva, unha xornada diferente dentro do Campus de Verán que organiza o Concello de Xinzo de Limia para facilitar a conciliación dos máis pequenos durante o verán. Na actividade tamén colaborou a Policía Local, Protección Civil e as E.D.C.

A alcaldesa, Elvira Lama, asistiu á exhibición dos corpos de seguridade acompañada do concelleiro de Tráfico, Ramón Gómez; o capitán da Garda Civil en Ourense, José Luis Casas; o responsable de Protección Civil de Xinzo de Limia, Jesús Rivas, e as unidades especiais de Montaña, Canina, Drones, Antidisturbios, Seguridade Cidadá e Tráfico.

Unha ampla oferta deportiva para as próximas semanas

No Campus de Verán seguiranse a desenvolver nos próximos días xogos deportivos, orientación, sendeirismo, obradoiros ou cine, entre outras propostas.

Unha vez que remate o mes de xullo, a programación deportiva de Xinzo de Limia seguirá con diferentes propostas e nunha aposta decidida por fomentar entre os máis novos os valores de equipo e a convivencia.

Campus de Verán Fundación Celta: Do 1 ao 5 de agosto.

Campus Salva Arco: do 30 de xullo ao 6 de agosto. A.B.