O Certame Celtibérico de Bandas converterá a Xinzo no epicentro da música tradicional e mobilizará a preto de 5.000 persoas
Xinzo de Limia será o epicentro da música tradicional e o folclore a fin de semana do 25 e 26 de marzo con motivo da celebración do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. Trátase dun evento que volve ao concello vinte anos despois –na vila tivo lugar no ano 2003- e que prevé mobilizar a 5.000 persoas. Preto dunha trintena de bandas de todo o país demostrarán o seu talento e o Concello de Xinzo e a Banda Municipal de Gaitas e Percusión traballan na súa organización dende hai semanas.
Esta mañá tivo lugar a Xunta de Seguridade para garantir que o Certame se desenvolve con todas as garantías. Así, está previsto que o operativo de seguridade estea composto pola Policía Local, Garda Civil e Protección Civil de Xinzo de Limia e do resto da comarca. Tamén contarase coa colaboración da Cruz Vermella.
Unha das actividades complementarias deste evento será o Concurso de Gaitas &Percusión da Limia. O evento dividirase en dúas xornadas, os días 25 e 26 de marzo, e obrigará a efectuar restricións de tráfico o domingo na N-525, xa que os músicos levarán o folclore e a tradición ás rúas. Ademais, está previsto que se instale unha carpa na Praza Carlos Casares. Este Certame será a ocasión idónea para que as bandas de todo o país demostren o seu talento e para dar a coñecer o concello e a súa cultura. Serán, en total, 750 participantes.
Con motivo deste evento, que fará de Xinzo un referente da música tradicional, a ocupación hoteleira rozará o 100% no concello e en toda a comarca e habilitaranse prazas de aloxamento para os participantes no pavillón. Haberá dúas zonas para o estacionamento dos autobuses: o Toural e pavillón. Os vehículos lixeiros poderán aparcar nos dos párkings ao aire libre de Curros Enríquez e Avenida de Celanova, na Rúa Sitibal, Carmen Nóvoa, nas marxes do río e tamén no entorno do polígono.
A alcaldesa, Elvira Lama, destacou a importancia de que Xinzo de Limia poida acoller un evento destas características, “xa que é unha gran oportunidade de dar proxección nacional e internacional ao noso concello, polo que se está traballando duro na súa organización”.