Xinzo de Limia Concello

O Concello acometeu o arranxo do Camiño das Aforadas, en grave estado de deterioro polo tránsito de maquinaria pesada

camiño1
camiño1

O grave estado de deterioro do Camiño das Aforadas, unha pista compartida por Xinzo de Limia e Sandiás, levou a estes dous concellos a firmar un acordo para solicitar unha subvención á Consellería de Presidencia e acometer así o seu arranxo. Unha vez que se concedeu a axuda vinculada á creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, executáronse as obras e a vía xa loce unha imaxe moi distinta á de anos atrás. Cumpriuse así unha demanda veciñal, xa que o Camiño das Aforadas soporta un importante tránsito de camións e maquinaria agrícola ao emprazarse na zona empresas deste e outros sectores como o aluminio.

O orzamento para realizar a actuación ascendeu a un total de 75.294 euros. A Xunta de Galicia asumiu 50.000 euros e o restante, ao 50% entre Xinzo de Limia e Sandiás. Os concellos comprometéronse así a garantir un financiamento suficiente e estable para unha eficiente execución do proxecto.

O Camiño das Aforadas, dun quilómetro aproximado, comunica a estrada autonómica en dirección a Celanova –OU531- coa nacional 525. As obras consistiron na limpeza das cunetas e na reparación do pavimento con 8 centímetros de aglomerado. O concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, asegura que con estes traballos cumpriuse cunha demanda que se remonta no tempo e que se viu agravada polo estado de deterioro do firme: “Hai empresas importantes na zona dedicadas a diferentes sectores e o tránsito de vehículos pesados é constante, polo que o arranxo era moi necesario”.