Xinzo de Limia Concello

O Concello adxudica a obra do aparcadoiro da avenida de Celanova, que entrará en funcionamento nun mes

gráfico
gráfico

Coa construción do novo aparcadoiro ao aire libre da avenida de Celanova, o Concello de Xinzo non só liberará os espazos públicos de vehículos, senón que axudará á recuperación do sector comercial da zona. Foron os empresarios os que solicitaron esta actuación ao executivo local, que agora cumprirá a súa demanda trala adxudicación dos traballos á empresa Carreira Bella. Neste sentido pronunciouse o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez: “Será unha actuación que pretende axudar ao sector en tempos de crise, ao mesmo tempo que se facilitan as compras a veciños e visitantes”.

O presuposto das obras ronda os 15.000 euros e o prazo de execución é de 30 días. Neste segundo aparcadoiro público ao aire libre –o primeiro destas características construíuse na rúa Curros Enríquez- distribuiranse as 25 prazas en batería para optimizar o espazo dispoñible, que se adapta á forma triangular do terreo. Nun dos vértices irán un total de 11 espazos aptos para o aparcamento, mentres que o resto se repartirá entre os restantes. O proxecto contempla un amplo espazo para facilitar a mobilidade dos vehículos no interior do párking.

Trátase, en definitiva, dunha superficie ao aire libre que pretende aliviar a circulación polas principais rúas do municipio, xa que é habitual detectar coches mal estacionados nesta zona comercial que en moitos casos dificultan a circulación.

Unha aposta decidida por liberar as rúas comerciais

O primeiro párking destas características que se construíu en Xinzo de Limia emprázase na rúa Curros Enríquez, concretamente fronte a praza Carlos Casares, con entrada e saída desde a rúa Otero Pedrayo e Vicente Risco, a escasos metros da casa consistorial. Esta superficie conta con preto dun centenar de prazas.

Coa adxudicación das obras para construír as instalacións da avenida de Celanova, o Concello quere seguir apostando por esta fórmula de aparcadoiro que contribúe a liberar as principais rúas comerciais de vehículos.