Xinzo de Limia Concello

O Concello apeou tres árbores do Toural atendendo ás indicacións do informe elaborado por expertos para avaliar a súa saúde e sanealas

chopo
chopo

Realizar un bo chequeo de saúde ás arbores do municipio que se emprazan en espazos públicos, tales como alamedas e zonas verdes, para poder sanealas. Este é o obxectivo dun estudo encargado polo Concello de Xinzo de Limia a dous especialistas, un doutor en investigación agraria e un enxeñeiro agrícola. Unha vez que os veciños foron informados sobre as conclusións deste informe, nos últimos días procedeuse a retirar diferentes exemplares en mal estado emprazados na Alameda do Toural e que incluso supoñían un grave perigo ao existir risco de que se precipitasen en calquera momento sobre os paseantes.

Trátase, en concreto, de dúas robínias secas e dun exemplar coñecido como chopo canadiense, que xa foron apeadas. Esta última árbore chamou a atención dos especialistas que realizaron o estudo e alertaron de que debería apearse con urxencia: “A carón dos baños públicos hai un exemplar seco que é moi urxente apear. Para os demais exemplares tamén se recomenda esta actuación, aínda que este pode ser realizado en fases sucesivas nos próximos anos para evitar o impacto visual no parque”. Aínda poden verse neste espazo restos do seu tronco, se ben haberá que esperar un tempo para poder retiralo, sanear o terreo e volver a plantar, xa que a árbore e a terra estaban afectadas por un fungo que contaxiaría igualmente a calquera outra especie.

Os expertos realizaron interesantes observacións sobre as especies do Toural, alertando incluso de posibles invasións: “No parque hai unha boa (aínda que nova) representación de arborado ornamental, con freixos, plátanos de sombra, faias, robínias, castiñeiros de indias e unha aliñación de liquidambar plantados recentemente, que se recomenda separar para evitar problemas no futuro. Tamén foron localizados numerosos exemplares da árbore do ceo (Ailanthus altissima) que deben ser eliminados coa maior rapidez posible polo seu alto potencial invasor. A súa presencia a carón do río pode provocar (se non o está facendo xa) a invasión desta especie río abaixo. Ademais esta especie está incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras”.

Outra especie non catalogada no estudo e emprazada na praza Juan XXIII, un plátano de sombra que estaba seco polas continuas podas agresivas dos últimos 18 años, tamén tivo que ser apeado por encontrarse en moi mal estado e estase a estudar a posibilidade de substituír as magnolias deste espazo seguindo un criterio harmonizado.

Asesoramento especializado

Cómpre recordar que o Goberno local encargou este informe xa o ano pasado, para examinar dun xeito exhaustivo a saúde das distintas especies arbóreas. Coa asesoría técnica de arboricultura e o traballo dos profesionais nesta materia, seguirá acometéndose as correspondentes accións de saneamento e mantemento. Ata o de agora nunca se pedira este tipo de asesoramento, facéndose tan só podas na época do ano que correspondía e que nalgúns casos nin sequera eran necesaria ou ben facíanse dun xeito tan agresivo que danaban as árbores.