O Concello aposta por un Nadal repleto de maxia: unha pista de patinaxe sobre xeo e un mercado de artesanía na praza Carlos Casares
Queda menos dun mes para Nadal e o Concello de Xinzo ultima os preparativos para que esta datas sexan moi especiais na vila a pesar dos tempos de pandemia. Que os veciños recuperen a ilusión, sobre todo os máis pequenos da casa, é o obxectivo do executivo local, que aposta por uns festexos repletos de maxia. Así, instalarase por primeira vez unha pista de patinaxe sobre xeo na praza Carlos Casares, ademais dun mercado de artesanía que ofrecerá produtos típicos destas datas e de proximidade. Así o anunciou a alcaldesa, Elvira Lama, no acto de presentación do programa que tivo lugar esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial: “Debémoslle aos veciños momentos de ledicia, este será un mes para compartir, con todas as precaucións”.
A pista de xeo e o mercado serán as propostas estrela do 4 de decembro ao 7 de xaneiro. Poderase acceder a ambas de luns a venres en horario de 16.00 a 21.00 horas, mentres que a fin de semana e os festivos estenderase de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. O prezo para patinar será de 5 euros, se ben os comerciantes terán a súa disposición entradas a metade de prezo que poderán repartir entre a súa clientela. Tamén se repartirán nas ANPA.
En relación ao mercado, contará con dez postos e o número de visitantes será controlado co fin de cumprir coa normativa polo covid-19. O itinerario será circular, contando cunha entrada e saída diferenciadas.
O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, subliñou que son dous os obxectivos desta programación de Nadal: recuperar a ilusión, sobre todo a dos máis cativos, e potenciar o comercio local. Por iso apóstase por un programa repleto de actividades e no que a pista de xeo será o atractivo que fará que os visitantes aproveiten a súa visita para realizar a súas compras na vila. Rodríguez sinalou que ademais haberá actividades culturais durante todo o Nadal, en colaboración con distintas escolas e asociacións. Máis en concreto, o 16 de decembro haberá un Festival de Teatro. Para o 21 de decembro organizouse o Concerto de Nadal do Conservatorio e o 22 de decembro un Festival de Nadal da Escola de Música da Limia, nos tres casos ás 20.00 horas e coa Casa de Cultura como escenario.
O Pasarrúas do Apalpador agárdase para o 23 decembro, polo Casco Vello e as zonas de ocio, dende as 18.00 horas. O mesmo día haberá un Festival Solidario de Nadal na Casa da Cultura, ás 20.00 horas, e organizado pola Asociación Cultural Aimil Folc e o Conservatorio de Música de Xinzo de Limia. O 24 de decembro Papá Noel recibirá aos nenos e nenas na súa casiña da Praza Maior, dende as 18.00 horas. Para o 29 de decembro organizouse un Escape Room Magic, tamén destinado aos máis pequenos da casa.
O 2 de xaneiro, na Igrexa Nova a partir das 20.00 horas, programouse un concerto da Agrupación Musical da Limia, Coral Santa Mariña e Chikiband. A cabalgata de Reis sairá o 5 de xaneiro dende o pavillón de deportes ás 18.00 horas, con moitas sorpresas que o executivo non quixo desvelar.
O concelleiro de Facenda, Manuel Pérez, insistiu en que o goberno local segue apostando por axudar ao comercio local e por ofrecer unha programación que, a pesar da pandemia, poida involucrar a todos os veciños.
Impulso ao comercio local
No acto de presentación da programación de Nadal tamén estivo presente a presidenta de Prolimia, Concepción Conde, que presentou a iniciativa que quere incentivar as compras na vila. Os comerciantes ofrecerán bonos de compra divididos en tarxetas, cada unha elas de 10 euros. O valor será de 50 euros que subvencionará o Concello nun 30%, polo que o custo real para os cidadáns será de 35 euros. “O comercio colabora coa decoración para que todos teñan a mesma temática. A participación é enorme”, engadiu Conde. As tarxetas bonos venderanse na caseta instalada na praza Maior dende o 7 de decembro ata o 5 de xaneiro.