Concello e Centro de Saúde alíanse para combater a diabetes, a obesidade ou o acoso escolar con campañas informativas e talleres
A estreita colaboración do Concello de Xinzo de Limia e os profesionais do centro de saúde da os seus froitos. Nos últimos días celebrouse na Casa Consistorial unha reunión na que participaron a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, a nova coordinadora do servizo de Atención Primaria, Cristina Martín Godínez, e a coordinadora de Enfermería, María José Feijoo. No encontro, as dúas profesionais sanitarias quixeron transmitir aos responsables do goberno local a súa total dispoñibilidade para a posta en marcha do recentemente elaborado Plan de Saúde. En espera de que poida ser presentado á cidadanía, avanzaron na posta en común de medidas para mellorar a calidade de vida dos veciños.
Diabetes, obesidade infantil, nutrición, educación sexual e reprodutiva, soidade, estimulación cognitiva ou acoso escolar establecéronse como os principais temas sobre os que se poden levar a cabo campañas informativas e talleres para a poboación en xeral. Os profesionais sanitarios e os representantes do executivo local traballaron nos últimos meses para realizar unha radiografía dos principais problemas de saúde dos veciños de Xinzo de Limia de cara a detectalos a tempo e poder ofrecer unha asistencia de calidade.
Tal e como explicou a alcaldesa, Elvira Lama, “o Concello, a través do primeiro Plan de Saúde do municipio, fai unha aposta decidida para establecer un traballo en rede coa comunidade e fomentar hábitos de vida saudables que consoliden a saúde persoal, social, mental e afectiva dos veciños e veciñas de Xinzo, de Limia, asegurando unha mellor calidade de vida”.
Cómpre recordar que a necesidade de elaborar un Plan Local de Saúde púxose de manifesto nas xornadas de saúde de Atención Primaria, premiadas coa primeira Beca de Medicina Rural e que se celebraron o pasado 5 de xuño en Xinzo, ademais de ser un compromiso electoral da propia alcaldesa asumido por todo o grupo de goberno no pacto firmado tras as eleccións municipais.
Entre os obxectivos do plan están a promoción de estilos de vida saudable, a detección de problemas na saúde da cidadanía ou a identificación das enfermidades predominantes entre a poboación, así como das súas causas.