Xinzo de Limia Concello

Concello e Confederación adiantan a celebración do Día do Medio Ambiente enchendo de vida os ríos de Xinzo

medio ambiente
medio ambiente

Nunha época de pandemia na que as aulas tiveron que blindarse e a rutina sufriu cambios inimaxinables, actividades como a que se celebrou onte ao carón dos ríos Limia e Faramontaos valen por unha semana entre pupitres. Escolares de 5º e 6º de Primaria do CEIP Rosalía de Castro visitaron as instalacións da ETAP de Xinzo e comprobaron de primeira man o necesario que é coidar do medio para ter auga potable de calidade. Ademais, construíron o seu propio circuíto de auga, coñecendo os tratamentos de potabilización.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, entregaron aos mozos uns carnés que os identifican como coidadores e coidadoras oficiais dos ríos, unha vez que se desprazaron facendo unha andaina desde á ETAP ao entorno onde conflúen o río Limia e Faramontaos. Un entorno de excepción para unha clase das que non se esquecen. A rexedora estivo acompañada polos concelleiros Amador Díaz, Ramón Gómez e Rafa Penabad.

Neste espazo natural, os alumnos tamén puideron coñecer de cerca unha zona expositiva consistente en tres mesas diferenciadas sobre os seguintes temas: restauración de ecosistemas, macroinvertebrados acuáticos e vertebrados asociados ao río. Aprenderon así que hai especies que só se deixan ver cando a calidade da auga é boa e puideron facer o seu propio análise. Tamén foi de especial interese a instalación nunha árbore dunha caixa para os paxaros coñecidos como ferreiriños.

A alcaldesa, Elvira Lama, destacou o valor da iniciativa: “En colaboración coa Confederación organizamos esta visita para coñecer a biodiversidade que existe ao redor do río Limia e entregar a estes rapaces os carnés. É de vital importancia sementar esa inquietude por conservar o medio ambiente e protexelo. Así poderemos vivir nun mundo máis saudable e máis verde e que se manteñan os ecosistemas”.