Concello e Confederación colaborarán para que Xinzo volva a vivir de cara ao río Limia
Que os veciños de Xinzo de Limia volvan a vivir de cara ao río. Este é o obxectivo do Concello e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que mantiveron un encontro sobre o terreo para poñer en común as necesidades máis urxentes para poñer en valor este entorno natural. A alcaldesa, Elvira Lama, acompañada do arquitecto municipal, Rafael Nogeiras, e de técnicos da CHMS, puxeron en común as súas impresións para elaborar un proxecto máis detallado que permita a recuperación da zona.
En concreto, na marxe dereita plantexouse a construción dun carril bici dende a ponte da rúa Sitibal ao de Baltar, cun ancho de 2,5 metros e o arranxo do pavimento. A mellora do firme tamén se contempla dende Baltar ata Porto Alto. Na marxe esquerda proponse outro carril bici. A rexedora tamén solicitou aos técnicos do organismo de cuncas unha solución para os problemas de vertidos existentes nas inmediacións do antigo matadoiro e no entorno das instalacións deportivas.
Esta actuación sumaríase á mellora e ampliación do paseo fluvial do río Limia. Preténdese intervir no tramo xa existente entre a ponte de Lamas e a estrada de Baltar, acondicionándoo, ademais de construír un novo paseo pola outra beira do río, de tal maneira que se xerará un circuíto duns seis quilómetros.
A colaboración entre o Concello de Xinzo de Limia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil tamén quedou patente na rúbrica, o pasado mes de abril, dun convenio para a financiación e execución das obras de demolición da presa de Gudín no río Faramontaos e que tamén terá incidencia no río Limia ao seu paso pola vía. Con este proxecto recuperarase a conectividade ecolóxica do río que presenta este obstáculo transversal, carente de uso e nocivo para o ecosistema.