O Concello crea un servizo de atención psicolóxica para axudar á poboación a xestionar mellor as súas emocións polo coronavirus
O Concello de Xinzo pon en marcha dende hoxe un servizo de axuda psicolóxica para as veciñas e veciños que a necesiten como consecuencia da crise do coronavirus e o actual confinamento.
O obxectivo é mellorar o benestar emocional facilitando estratexias para a xestión das emocións, tanto as propias como as do resto da familia.
Dende Concello considérase que a axuda psicolóxica é fundamental en momentos de crise como a que estamos a vivir. Neste senso, a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, fai un chamado a toda a poboación para que coide tamén a súa saúde mental, que en situacións como esta pode resentirse pola tensión, a ansiedade, a necesidade de compatibilizar o traballo diario ou o tele-traballo co coidado dos fillos durante as 24 horas do día ou simplemente pola sobreinformación que estamos a recibir.
Este novo servizo será prestado por persoal especializado municipal e contará coa colaboración e apoio do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.