O Concello da por finalizada a recomendación de adiantar o toque de queda debido á baixada de casos
A través dun Bando da Alcaldía, o Concello de Xinzo acaba de dar por finalizada a súa recomendación de adiantar o toque de queda ás 20:00 horas, en vigor desde fai exactamente un mes e que foi seguida pola inmensa maioría da veciñanza.
O motivo desta decisión é o alivio das restricións por parte da Xunta de Galicia, que se aplican desde hoxe e, sobre todo, o descenso dos contaxios desde os 247 do pico desta terceira onda ata os 38 de hoxe.
A iniciativa do goberno local de recomendar o adianto do toque de queda remóntase ao pasado 18 de xaneiro, cando no municipio se rexistraron 203 contaxiados. O 24 de xaneiro alcanzouse o pico en Xinzo, con 247 casos, si ben desde entón non deixou de baixar o número de activos ata chegar hoxe a 38. Aquel mesmo día, o 18 de xaneiro, tamén se lle pediu aos comerciantes que adiantaran o peche dos seus negocios ás 18:30 horas, en solidariedade coa hostalería e para favorecer a redución de contaxios. Maioritariamente, sumáronse a esta recomendación, si ben 10 días depois foi a Xunta de Galicia quen decretou ese mesmo horario e xa foi de obrigado cumprimento.
Elvira Lama, en nome de todo o goberno local, agradece a toda a veciñanza que atendera as recomendacións municipais pese a que non tiñan ningunha obriga legal de facelo. “Grazas ao seu esforzo e sentido da responsabilidade, pouco a pouco estamos dobregando a curva a un ritmo maior que outros concellos”, explica a alcaldesa.