O Concello intensifica a desinfección da vila e os pobos coa axuda dos agricultores, con tractores e cisternas
O Concello de Xinzo intensificará a partir de mañá a desinfección das rúas e pobos do municipio, para o que contará coa axuda e apoio do agricultores locais.
Baixo a coordinación de Amador Penín, concelleiro de Medio Rural, porase en marcha un dispositivo de, en principio, 7 tractores e cisternas, que se repartirán entre a vila (1) e os pobos do resto de municipio. No dispositivo tamén participará a Policía Local e Protección Civil, que se repartirán para acompañar a cada un dos vehículos.
Para desinfectar as rúas, utilizarase principalmente lixivia, posto que segundo diferentes estudos o cornavirus desactívase ao entrar en contacto con solucións de hipoclorito sódico, que é cloro disolto en agua, o que todos coñecemos como lixivia. É o mesmo produto que emprega a UME na desinfección de moitas cidades do país.
Amador Penín, en nome de todo o goberno local, quere agradecer a dispoñibilidade dos agricultores para a realización dunha tarefa que neste momento é fundamental para a contención dos contaxios.
Para a realización destes traballos, procederase periodicamente ao valado das distintas rúas, colocando previamente avisos aos condutores nos parabrisas dos vehículos. Mañá está previsto que a desinfección se realice nas seguintes rúas:
- Avenida de Ourense: numeración impar desde a Estación de Autobuses, lado no que está prohibido o estacionamento.
- Avenida de Madrid: numeración par, desde a Praza Maior ata Rosalía de Castro.
- Rosalía de Castro (numeración par ata bar Dos Hermanos) e ata a Estrada de Baltar (especialmente ó lado do velorio).
- Rúa Ladeira: numeración par.
- Rúa Padre Feijóo.
- Rúa Deputación.
- Rúa San Sebastián (lado do estacionamento prohibido).
- Rúa Curros Enríquez (desde San Sebastián) ata Libraría Vidal.
- Rúa Marcelo Macías (desde Avenida de Ourense ata cruce Formigueiro/Cruceiro), lado numeración impar.
- Rúa Marcelo Matías (desde cruce Formigueiro/Cruceiro) ata final colexio Carlos Casares.
Ao mesmo tempo, outros 6 tractores comezarán tamén mañá, luns, as tarefas de desinfección en todo o rural, que rematarán o martes.
Unha vez rematado este plan de choque en todo o municipio, o operativo manterase para repetilo tantas veces como sexa necesario, sen descartar ampliar o número e tractores e cisternas.