Xinzo de Limia Concello

O Concello mostra a súa satisfacción polo acordo para a mellora do regadío, unha aposta decisiva para o futuro da agricultura da Limia

O Concello de Xinzo de Limia manifesta a súa satisfacción polo acordo acadado na asemblea das comunidades de regantes para a posta en marcha do proxecto para a mellora do regadío. A decisión, que saíu adiante case por unanimidade dos presentes, é unha aposta decisiva e decidida para o futuro das explotacións agrícolas da Limia

O voto favorable dos regantes significa “o paso decisivo para a modernización dos regadíos pendentes, para adaptarse as novas tecnoloxías, para cumprir coa eficiencia enerxética, lograr a mellora dos cultivos para que sexan rendibles e sostibles e para aforrar recursos hídricos”, explica a alcaldesa, Elvira Lama.

Trátase do maior investimento da historia na comarca de Limia, que se eleva a 35 millóns de euros por parte do Ministerio de Agricultura a través de Seiasa. A  Xunta de Galicia aporta 4 millóns e os proxectos. A aportación dos regantes é do 20% máis o IVE nunha superficie total de 2.576 hectáreas, con dereito a rego e unha superficie cuberta de 4.859 hectáreas.

Na mesma reunión, tanto a Xunta de Galicia como a Deputación de Ourense falaron de novas achegas para reducir o prezo final por hectárea que teñen que asumir os propietarios e regantes.

Esta será a segunda vez que o Goberno de España aposta por modernizar os regadíos das catro comunidades e será realidade despois deste empuxón definitivo, coa colaboración de todas as administracións e a implicación dos regantes.