O Concello pagará dunha soa vez a práctica totalidade das facturas reparadas pola Intervención
As contas de Xinzo de Limia recuperarán a normalidade, pese a que a crise económica actual está poñendo en serias dificultades a todas administracións, especialmente ás locais. A alcaldesa, Elvira Lama, convocou para mañá, venres, un pleno extraordinario para a incorporación de 210.537 euros de aportacións do Estado ao orzamento municipal. Desta cantidade, 45.154 euros destinaranse a abonar as facturas afectadas polo reparo da Intervención municipal que se aprobou no pleno do 9 de setembro, fai só dous meses. O resto destinarase ao pago doutras facturas, así como a diferentes actividades culturais e a reforzar a programación de Nadal.
Co pago de 45.154 euros en facturas farase fronte á práctica totalidade das reparadas, máis do 90 %, se ben quedarían pendentes ás do gas, dado que debido ao seu encarecemento o goberno local decidiu emprender unha negociación coa empresa comercializadora, dando prioridade ás facturas dos pequenos provedores.
O reparo suspensivo aprobado o 9 de setembro produciuse pola existencia de bolsas de vinculación xurídica que carecían de crédito, unha situación administrativa que se solventará con gran brevidade. A maior parte do reparo afecta a facturas do gas, pero tamén a gastos imprevistos.
Uns días despois da aprobación deste reparo, a rexedora compareceu nunha rolda de prensa para, nun exercicio de transparencia, expoñer a situación económica do Concello de Xinzo a partir de dous informes do propio servizo de Intervención.
Nun deles se fixaba a redución da débeda do Concello de Xinzo en 1,2 millóns de euros nos últimos tres anos. Segundo acredita o documento, a cifra de endebedamento pasou de 3.733.574 euros no ano 2019 a 2.576.713 euros. No segundo informe especificábase que o goberno local en ningún caso superara o gasto que figuraba no orzamento deste ano, fixado en 6.873.191 euros e aprobado co informe favorable da Intervención e o informe favorable e perceptivo do Ministerio de Economía.