Xinzo de Limia Concello

O Concello porá en marcha no entroido puntos violetas e unidades de prevención contra agresións sexuais

A alcaldesa, Elvira Lama, condena a agresión ocorrida durante o Petardazo, traslada a súa solidariedade a vítima e a familia e non descarta que Concello compareza no Xulgado como acusación particular

O Concello de Xinzo porá en marcha durante o Entroido un Punto Violeta de información, asesoramento e prevención de agresións sexuais, atendido por persoal altamente especializado, así como  Unidades de Prevención identificadas que estarán presentes nos días centrais do Entroido, que é cando se prevé maior afluencia de publico.

O obxectivo deste dispositivo, que xa estaba previsto polo Concello, é precisamente evitar agresións sexuais como a sufrida por unha moza na noite de pasado sábado, durante o Petardazo. Neste senso, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, expresou toda “a nosa repulsa e a condena máis enérxica” ante o sucedido na vila a pasada fin de semana, ademais de trasladar “todo o apoio e solidariedade á vítima e a súa familia”, así como “todo a axuda e asesoramento que puideran precisar”

A moza que sufriu a agresión presentou a denuncia correspondente perante a Garda Civil, e seguen abertas as investigación para esclarecer todo o acontecido, así como a posibilidade de que houbera máis incidencias deste tipo.

A alcaldesa manterá nos próximos días unha nova reunión coa Garda Civil para informarlles sobre a posta en marcha do Punto Violeta e as Unidades de Prevención durante os principais días do Entroido, así como para buscar a maior coordinación posible para evitar episodios similares durante o resto de fins de semana previos.

A prevención e erradicación das agresións sexuais en Xinzo de Limia durante todo o ano é unha das prioridades do actual goberno de Xinzo, razón pola cal poñerá en marcha de forma periódica campañas de concienciación e sensibilización, especialmente coincidindo con todas as xornadas festivas.

Este é o compromiso da alcaldesa, Elvira Lama, que se amosa a disposta a “loitar incansablemente contra tódalas formas de agresións machistas, animando á cidadanía  a denunciar”. Pola súa banda, está valorando a posibilidade e que o Concello compareza no Xulgado como acusación particular neste e en calquera outro caso futuro, sempre despois de consultar aos servizos xurídicos municipais.