O Concello proxecta a rehabilitación do edificio multiusos das piscinas para dotalo dunha cafetería e unha zona de aloxamento
Un edificio con moitas posibilidades e emprazado nun entorno privilexiado que se encontra deteriorado pola falta de uso. Así podería definirse o inmoble multiusos do complexo deportivo de Xinzo. Emprázase, máis en concreto, ao carón das piscinas exteriores, que acaban de abrir as súas portas ao público cunha imaxe mellorada pero que coa rehabilitación destas instalacións gañaría moitos máis servizos. O Concello proxecta a rehabilitación do edificio para dotalo dunha cafetería e unha zona de aloxamento temporal para diversos colectivos que visiten a vila, tales como os campamentos infantís, equipos deportivos ou brigadas antincendios.
Cómpre recordar que ao longo da rúa Dous de Maio, emprázanse unha serie de equipamentos deportivos que supoñen un foco de atracción para todo o concello, como pode ser o pavillón polideportivo, a piscina climatizada e o complexo das piscinas municipais. Este complexo deportivo ocupa unha posición privilexiada en Xinzo, á beira do río Limia e conectada co paseo fluvial.
Precisamente para dar servizo a esta zona deportiva, no ano 2006 construíuse un edifico que na actualidade se encontra nun estado de deterioro. Tanto é así, que a cuberta do inmoble non está impermeabilizada e a entrada de auga é unha constante. A proliferación de fungos está xeneralizada e as armaduras da estrutura atópanse nun avanzado estado de oxidación. Tal e como se especifica no proxecto, “é urxente acometer obras de reparación para poder salvar, polo menos, a estrutura”.
Segundo a proposta de actuación, na planta baixa manteranse os vestiarios, acondicionándose as partes deterioradas. No primeiro andar proponse dous usos: a construción dunha cafetería que de servizo durante o verán á zona de piscinas pero que funcione de forma autónoma todo o ano e a creación dun espazo multiuso que poderá empregarse como zona de aloxamento temporal para diferentes colectivos que estean de paso no municipio. Estas instalacións comunicaranse cunha zona de aseos e outra de vestiarios que se compartirán no verán cos usuarios das piscinas. De este xeito, o espazo multiusos apoiarase nos servizos xa existentes.
O orzamento estimado para as obras de rehabilitación do edificio no complexo deportivo de Xinzo de Limia ascende a 336. 936 euros.
A proposta de intervención versará así sobre dúas liñas de actuación: a meramente técnica, que resolverá os problemas do edificio, e a arquitectónica, que dará unha resposta á presenza urbana do edificio dentro dunha zona verde. Para iso, será necesario realizar unha serie de traballos que van dende a demolición da cuberta e a construción dunha nova inclinada de chapa ata a instalación dun ascensor e o equipamento con mobiliario.