Xinzo de Limia Concello

O Concello suspende as festas patronais e ultima actividades para todos os festivos e fins de semana do verán

O Goberno local considera que non é posible garantir as condicións mínimas de seguridade que esixe a crise sanitaria. Programará eventos culturais e de ocio con control de aforo durante todo o verán para axudar a reactivar a economía local.

O Concello de Xinzo de Limia, en vista da situación provocada pola pandemia da COVID-19, decide suspender a celebración das festas patronais de 2020 (Santa Mariña), que se deberían celebrar o próximo mes de xullo.

Logo de analizar detidamente todas as posibilidades, o grupo de goberno entende que na situación actual que estamos a padecer non se poden garantir as condicións mínimas de seguridade para levar adiante eventos destas características.

Somos conscientes do prexuízo que representa neste ano atípico esta medida para todo o tecido cultural e empresarial que se desenvolve arredor da celebración das nosas festas, mais consideramos que é a decisión máis responsábel pensando na saúde da veciñanza.

Como alternativa, estamos a traballar nunha programación de actividades culturais, lúdicas e de ocio en días festivos e fins de semana nas que se poidan cumprir as recomendacións de seguridade: aforos limitados e controlados, separación inter-persoal, etc. coa vista posta tamén en reactivar o sector comercial, os servizos e a hostalaría, apelando a que os nosos veciños e veciñas consuman no pobo sen ter que desprazarse. 

Agardamos superar esta situación o antes posíbel e retornar no vindeiro ano cunha celebración colectiva da que poidamos gozar todas e todos, como foi tradicionalmente.