Xinzo de Limia Concello

O Concello xa dispón dun proxecto para renovar a rúa Dous de Maio e acabar cos problemas de accesibilidade

rúa
rúa

Co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos usuarios da rúa Dous de Maio, o Concello de Xinzo de Limia está traballando nun proxecto, do xa dispón da memoria valorada, que contempla renovar as infraestruturas e a pavimentación dunha vía con serios problemas de accesibilidade. As beirarrúas da marxe dereita presentan dúas alturas, unha delas á cota de rasante da calzada e outra un metro por enriba, sen que exista ningunha rampla ou acceso que cumpra a normativa de accesibilidade, o que ocasiona problemas para as persoas con mobilidade reducida que residen nesta zona. Ademais, as redes de saneamento e abastecemento atópanse en deficiente estado de conservación. O executivo local xa conta cunha memoria valorada do proxecto, no que se definen as actuacións que se levarán a cabo.

As obras consistirán na renovación do pavimento e as infraestruturas e demoleranse as beirarrúas da marxe dereita, así como as escaleiras, ramplas e zonas verdes que serven de unión entre as mesmas. A continuación, procederase á substitución das actuais redes. Para a renovación da rede  de saneamento está prevista a instalación dunha tubaxe de polietileno de 90 milímetros de diámetro en substitución da actual e a realización das correspondentes acometidas ás vivendas. Ademais, contémplanse bocas de rego en función da normativa vixente. Tamén a conexión da nova tubaxe a unha rede de rego automático para as novas zonas verdes de unión entre os distintos niveis.

Para a renovación das infraestruturas de saneamento, o proxecto propón a substitución da condución actual por unha tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro e realización das acometidas domiciliarias correspondentes, conectándoas a esa nova canalización. Aproveitarase tamén para soterrar a rede de alumeado, que actualmente discorre de forma aérea entre os edificios, e realizaranse as conexións e arquetas correspondentes.

Por último, reporase o pavimento das beirarrúas existentes tendo en conta a normativa de accesibilidade. Dotaranse dun ancho de 1,5 metros e realizaranse ramplas e escaleiras accesibles como forma de unión entre ambos paseos e colocaranse varandas de protección.

Con todas estas actuacións, o executivo local de Xinzo de Limia pretende eliminar as deficiencias existentes na zona, proporcionando un entorno seguro e adecuado para os seus habitantes. O orzamento de licitación das obras ascende á cantidade de 250.000 euros.

Agora mesmo, unha vez encargada a memoria valorada do proxecto, que incluso foi actualizada recentemente polo incremento das materias primas, a pelota está no teito dos gobernos autonómico e provincial. Para elo, o goberno local xa solicitou sendas entrevistas con ambas administracións para buscar un acordo de financiación entre as tres administracións para levar a cabo esta actuación.