O Concello de Xinzo acomete a segunda fase da actuación de mellora dos parques infantís
Os parques infantís de Xinzo de Limia lucirán renovados coincidindo coa chegada do bo tempo. O Concello está a realizar tarefas de reparación e mantemento nos espazos lúdicos dedicados aos máis pequenos, completando así a segunda fase da actuación de mellora que comezou a primeiros de ano. En xaneiro, tal e como marca a normativa, instaláronse peches nas instalacións emprazadas preto das zonas de tránsito de vehículos para preservar a seguridade dos menores e os traballos céntranse agora en arranxar os xogos en mal estado e incluso en instalar algúns novos.
Os operarios traballaron nos últimos días no parque Galicia e no de A Devesa. Neste último colocouse un novo columpio e un balancín e en ambos substituíronse as escaleiras do tobogán. Está previsto que nos próximos días remate esta actuación ca renovación dalgunhas pezas e se poidan prolongar os traballos a outras zonas de xogo do municipio. O concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad, explicou así a actuación: “Temos que manter en bo estado as instalacións que temos, sobre todo agora que comeza o bo tempo e que os veciños buscan sitios de descanso ao aire libre”.
Nova iluminación nas inmediacións das piscinas
O Concello de Xinzo de Limia afánase por mellorar a imaxe dos espazos ao aire libre nun tempo de pandemia no que os veciños buscan un ocio máis seguro. Co fin de mellorar a iluminación das pistas deportivas das inmediacións da piscinas exteriores tamén realizáronse traballos recentemente. En concreto, substituíronse oito puntos de luz por tecnoloxía led para dotar dunha mellor visibilidade as zonas dedicadas á práctica de tenis e baloncesto.