O Concello de Xinzo aproba un paquete de medidas para reducir a presión fiscal fronte á inflación e incentivar a economía local
O Concello de Xinzo de Limia vén de aprobar en pleno un paquete de medidas para reducir a presión fiscal dos cidadáns fronte ao incremento da inflación, toda vez que a crise pola pandemia do covid-19 e a actual guerra de Ucraína deu paso a un incremento considerable dos prezos que está afectando ás familias e ás empresas. A sesión comezou cun minuto de silencio polo falecemento do pai do concelleiro do Partido Popular Ricardo Sieiro. En nome de toda a Corporación e dos traballadores e traballadoras da Administración local, a alcaldesa, Elvira Lama, amosou as súas condolencias.
Neste paquete de medidas aprobado no pleno desta mañá inclúese a prórroga da exención do pago da taxa pola apertura de negocios. Esta medida, que saíu adiante co apio de todos os grupos e que pretende dinamizar a economía, súmase á exención de taxas por ocupación da vía pública con mesas e cadeiras, que dará alivio á hostalería. Aplicouse por primeira vez con carácter retroactivo por mor da pandemia e decidiuse manter pola cantidade de establecementos deste sector que poden beneficiarse neste momento no que moitos están a pasar por dificultades económicas.
Para dar impulso ás feiras temáticas, tamén se aprobou por unanimidade a redución do prezo para o emprazamento de expositores en feiras como a da Pataca e Maquinaria Agrícola. Coa abstención da concelleira non adscrita Montse Lama saíu adiante a modificación da ordenanza pola que se eximirá aos colectivos máis vulnerables da poboación do pago de certificados como o de empadroamento ou convivencia.
A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, asegurou con estas iniciativas preténdese “axudar os veciños e veciñas que máis o necesitan e aliviar así a crise á que xa se enfrontan moitas familias”.
Pola vía de urxencia presentouse unha moción conxunta de todos os grupos en apoio ao sector agrogandeiro e para un gasóleo agrícola profesional cun prezo fixo. O concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz Penín, agradeceu o respaldo na última concentración desta semana en Ourense e pediu a todos os grupos políticos unión para que se escoiten as súas demandas.
Non saíu adiante unha moción do PP con medidas en defensa das familias e a economía española, ao considerar o equipo de goberno que non aportaba actuacións concretas e a alcaldesa afirmou que só se trataba “dun brindis ao sol”. Por unanimidade saíu adiante outro proposta do Partido Popular sobre a recollida de biorresiduos.