Xinzo de Limia Concello

O Concello de Xinzo busca a inclusión do Museo do Entroido no Sistema Galego nun novo intento de dinamizalo

O Museo Galego do Entroido ten un potencial cultural que non sempre se reflexa nas cifras de visitantes, así que o Concello de Xinzo de Limia tomou a determinación de intentar impulsalo. Nos últimos días, representantes do goberno local e da Dirección Xeral de Patrimonio mantiveron reunións nas que a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, mostraron a intención do executivo de dinamizar as instalacións coa inclusión do centro cultural no Sistema Galego de Museos. Os trámites deberán dirixirse agora á Subdirección Xeral de Arquivos e Museos.

Cómpre recordar que a Deputación de Ourense é a entidade responsable do espazo dende a súa cesión por parte do Concello de Xinzo ao ente provincial no anterior mandato. Aquela decisión non está dando o resultados que se esperaban, así que despois dun tempo de proba que se torna razoable para certificar que museo non está a funcionar como se agardaba, o executivo local tratará de buscar, xunto coa Deputación, novas medidas de impulso, empezando por establecer garantías dunha maior estabilidade nos horarios e días de apertura, pois hai coincidencia en que o seu potencial e atractivo é evidente malia que non se estea a traducir no número e visitas que recibe. Precisa, polo tanto, novas dinámicas.

Así o explicou Ramiro Rodríguez, concelleiro de Cultura: “Nos últimos anos fixéronse parches nas adxudicacións a diferentes empresas para a súa xestión por períodos cortos de tempo”, lamentando xustamente a intermitencia na súa apertura e atención ao público.

Pola súa banda, a rexedora, Elvira Lama, insistiu no obxectivo de dinamizar o museo: “Queremos que o MUGAE sexa a referencia de todo o Entroido galego e que se converta nun polo de atracción turística e cultural, mais aló de unha colección visitable”.

Cómpre destacar que o Servizo de Museos é a unidade administrativa que coordina as actuacións en materia de museos en Galicia e ten responsabilidade sobre o control do patrimonio moble custodiado nos mesmos e sobre as coleccións visitables galegas, tanto nos de titularidade autonómica e estatal xestionados pola Secretaría Xeral de Cultura, como daqueles que constitúen o Sistema Galego de Museos. Dende o Servizo articúlase o asesoramento entre técnicos das diferentes institucións museísticas na procura dunha unidade de acción no que se refira aos procedementos e tratamento técnico dos fondos.