Xinzo de Limia Concello

O Concello de Xinzo devolverá a taxa do lixo do ano 2020 a comerciantes e autónomos

O goberno local de Xinzo de Limia, a través da concellería de Promoción Económica que dirixe Manuel Pérez Campos, segue a mostrar o seu compromiso cos autónomos, traballadores por conta propia da vila que sufriron dun modo especial a crise económica que provocou a pandemia. Por iso ten previsto aprobar na próxima sesión plenaria, que se celebrará o venres ás 9.30 horas, un suplemento de crédito por importe de 100.000 euros destinado á devolución da taxa do lixo do ano 2020 a comerciantes e autónomos. Unha vez aprobado este punto, e previa solicitude dos interesados, procederase a devolución do importe que teñan pagado no exercicio anterior.

Durante os últimos meses foron dúas as convocatorias que se abriron para axudar a este colectivo. A última data do mes de marzo, cando se anunciaron axudas que poderían solicitar os profesionais adicados a actividades diferentes das que foron beneficiarias na primeira convocatoria, máis enfocada á hostalería e o comercio, e que finalizou deixando un remanente por importe de 54.200 euros. Unha vez pechados estes procedementos e cos fondos sobrantes, o Concello de Xinzo de Limia solicita un suplemento de crédito que ascende a 100.000 euros e que pretende seguir contribuíndo a paliar as consecuencias da crise económica.

O concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez, valorou así a iniciativa: “Os autónomos en xeral e aqueles que se dedican ao sector do comercio en particular, son un pilar básico na vila que o está pasando realmente mal. Con este suplemento de crédito queremos axudalos a saír adiante e sortear así unha crise que está sendo moi cruenta para eles”.

Na orde do día do pleno tamén se inclúen dúas mocións do grupo municipal do Partido Popular. Unha relativa á posibilidade de pagar peaxes nas autovías que foi ditaminada favorablemente na comisión correspondente. Tamén outra sobre Correos, para que se cubran as baixas e se manteñan os servidos sobre todo no rural.