Xinzo de Limia Concello

O Concello de Xinzo e a Fundación Secretariado Gitano firman un convenio para apoiar a inclusión laboral das mulleres

convenio
convenio

Superar as barreiras sociais e culturais que obstaculizan a integración sociolaboral das mulleres xitanas. Este é o obxectivo do Programa Sara- Romí, financiado polo Instituto da Muller e que poderá levarse a cabo en Xinzo de Limia grazas ao un acordo de colaboración entre o Concello e a Fundación Secretariado Gitano. A alcaldesa, Elvira Lama, e a directora territorial da entidade, Eva Vera Ledo, firmaron esta mañá un convenio e no acto estiveron acompañadas polo concelleiro de Servizos Sociais, José Alberto Martínez.

Mediante este acordo, o executivo local cederá un aula da Casa da Cultura para que se poidan levar a cabo actividades formativas de cara á mellorar a calidade de vida das participantes. Trátase, en definitiva, de fomentar a súa autoestima, confianza e outros aspectos persoais, ao mesmo tempo que se traballa no seu proxecto profesional para que sexan protagonistas activas do seu propio proceso de inserción. O programa diríxese a mulleres xitanas que teñen dificultades sociais e persoais que obstaculizan a súa inserción sociolaboral.

A alcaldesa, Elvira Lama, resaltou a importancia do convenio: “Pretendemos  axudar a un colectivo no que predomina o desemprego feminino. Agardamos que a participación sexa boa e que poida desenvolverse durante moitos anos”.

Pola súa a banda, a directora territorial da Fundación Secretariado Gitano, Eva Vera Ledo, recordou a importante presenza da comunidade xitana asentada en Xinzo de Limia e engadiu: “ Queremos poñer o noso gran de area con este programa, que non é que teña como obxectivo  final que todas as mulleres acaben no mercado laboral, pero a idea é que melloren a súa cualificación e poidan acceder a un emprego se o desexan”.