Xinzo de Limia Concello

Concello de Xinzo e Garda Civil asinarán un convenio para reforzar a seguridade cidadá

Por considerar a seguridade cidadá como un dos pilares básicos da sociedade do benestar e considerar prioritario combater a inseguridade dende as Administracións públicas, de forma coordinada, o Concello de Xinzo e o Ministerio asinarán un convenio que pretende reforzar a colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil. O acordo levarase ao pleno do próximo día 27 para a súa aprobación.

Mediante dito convenio realizarase un intercambio de comunicación no ámbito da seguridade cidadá. A Garda Civil informará ao Concello dos datos estatísticos mensuais relativos á actividade policial e delictiva e, con carácter anual, facilitarase un resumen sobre a evolución destes datos. O executivo local facilitará á Benemérita a información de interese policial da que dispoña e outorgará os planos e soportes informáticos actualizados do sistema dixitalizado de cartografía municipal, así como información sobre direccións, teléfonos, horarios e réxime de funcionamento dos servizos sociais, casas e centros de acollida que poidan colaborar no auxilio das vítimas de violencia de xénero, menores en situación de desamparo e mulleres que desexen abandonar o exercicio da prostitución, ademais doutros aspectos que consideren de interese para mellorar a seguridade e asistencia cidadá.

En relación ao acceso ás bases de datos, mediante a sinatura desde convenio habilitaranse as fórmulas precisas ou potenciaranse as existentes para facilitar o acceso e consulta por parte dos respectivos corpos policiais aos bancos de datos sobre requisitorias xudiciais e persoas desaparecidas, así como vehículos sustraídos e obxectos de interese policial.

Obxectivos e programas de actuación

A Xunta Local de Seguridade constitúe o marco competente, no seu ámbito territorial, para establecer as formas para a cooperación de políticas en materia de seguridade. Deste xeito, e segundo o convenio, deberá elaborar un Plan Local de Seguridade no que se recolla a problemática existente no municipio, se establezan obxectivos e se deseñen os programas de actuación para afrontar os problemas existentes.