O Concello de Xinzo impulsará o Esquecemento ao solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia
Polo seu valor etnográfico, cultural, turístico e económico, o Concello de Xinzo de Limia quere impulsar o Esquecemento coa solicitude de Festa de Interese Turístico de Galicia. Trátase dunha celebración que o penúltimo fin de semana do mes de agosto mobiliza a milleiros de persoas nunha viaxe ao pasado para rememorar a chegada das lexións romanas de Décimo Junio Bruto no ano 135 a.C. A festa é organizada pola Asociación Cultural Civitas Limicorum, coa colaboración do Concello ao facilitar os medios técnicos e humanos e o financiamento necesario xunto con esta entidade e outras institucións.
Dende a Concellería de Cultura apoian decididamente esta declaración “como una aposta de presente e de futuro que nos permita aspirar a seguir mellorando cualitativamente e cuantitativamente, co obxectivo de facer da mesma un evento que trascenda as nosas fronteiras”. Por todo isto, o trámite para a solicitude da declaración levarase ao pleno do próximo xoves.
Na sesión darase conta da importancia da celebración, que logo de 22 edicións están máis que consolidada no calendario festivo non só a nivel local, senón tamén galego. Co paso do tempo, a festa foi gañando en espectacularidade. Así, destaca a escenificación de diversos aspectos da vida de hai dous mil anos e, especialmente, o cruce do Río Lethes. Os actos evocan o pasado do pobo de Xinzo de Limia e permiten a veciños, veciñas e visitantes revivir acontecementos que forman parte do imaxinario colectivo.
Coa distinción que agora se solicita, o executivo local volve a facer unha aposta decidida por este tipo de eventos multitudinarios que permiten dinamizar a economía local e marcar no mapa a Xinzo de Limia como referente de cultura.