Xinzo de Limia Concello

O CONCELLO DE XINZO INCREMENTA A PRESIÓN POLICIAL E AS SANCIÓNS PARA INTENTAR FREAR OS CONTAXIOS

A alcaldesa convocou unha reunión de urxencia para pedir máis vixilancia á Policía Local e un operativo coa Garda Civil para Reis. Acordou, xunto con concelleiro de Tráfico e o Xefe da Policía Local, incrementar o número de efectivos durante os próximos días.

 

WhatsApp Image 2021-01-04 at 14.47.38
Elvira Lama reunida con concelleiro de Tráfico, Ramón Gómez, e o xefe da Policía Local.

Xinzo de Limia amenceu hoxe con 53 casos activos de covid-19, cando o pasado 15 de decembro se deitara con unicamente 9. Ante este alarmante incremento, a alcaldesa, Elvira Lama, convocou está mañá unha reunión de urxencia co inspector xefe da Policía e o concelleiro responsable de Tráfico, Ramón Gómez. 

Lama Fernández pediu un incremento da presencia, da presión e da vixilancia policial para o cumprimento das restricións, programando para elo un reforzo do numero de efectivos operativos para a véspera do día de Reis. Esta decisión busca reducir os incumprimentos das limitacións que se teñen detectado nos últimos días, tanto en canto ao numero de persoas que se reúnen nos espazos públicos como en canto aos horarios de peche dos locais de hostalería.

Na mesma xuntanza tamén se acordou pedir a colaboración da Garda Civil para reforzar este dispositivo, tal e como xa se está a facer nos controis policiais nas vías de acceso ao termo municipal, nos que tamén participan os efectivos da Policía Local.

As medidas de control se intensificarán tanto na vila como nos pobos, para evitar así a relaxación das medidas sanitarias, especificamente a de portar sempre mascara e cumprir co número de persoas que se poden xuntar tanto en espazos públicos como privados, que a día de hoxe está limitado a 4 persoas, así como o cumprimento dos horarios de peche. Durante este encontro de traballo quedou claro que as reunións entre non conviventes están detrás da maioría dos contaxios dos últimos días.

“Si conseguimos baixar a 9 casos o pasado 15 de decembro, logo dun gran esforzo de toda a poboación, non debemos permitir que sigan medrando os contaxios no Concello de Xinzo pola relaxación das medidas por parte de determinadas persoas, pois a súa irresponsabilidade afecta á saúde de toda a cidadanía. Chegados a este punto non queda outra vía que redobrar esforzos, controis e perseguir a quen incumpra para evitar así que novas restricións recaian sobre toda poboación. A instrución dada a Policía Local está clara: aumentar a vixilancia, incrementar a presión sobre os que incumpren e multar a todas as persoas que o fagan”, sentenciou a alcaldesa.