Xinzo de Limia Concello

O Concello de Xinzo de Limia elimina a lista de agarda do servizo de axuda a domicilio coa mellora das prestacións

O Concello de Xinzo de Limia conseguiu eliminar a lista de agarda do servizo de axuda a domicilio, que ascendía a 30 persoas, mellorando as prestacións que ofrece a empresa adxudicataria. A demanda aumentou nos últimos anos e o executivo local propúxose chegar ao maior número posible de usuarios. Tanto é así, que a día de hoxe non hai nin un só solicitante á espera de recibir este tipo de atención. Do contrato, que vén de ser mellorado e que se estenderá por un período de dous anos a contar dende o pasado 4 de xaneiro, darase conta na próxima sesión plenaria. Son relevantes as prestacións de servizos e axudas de material, peiteado, podoloxía ou fisioterapia, entre outras.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, destacou a importancia desta mellora, que permitirá axudar a moitas familias que se atopan en situacións difíciles: “Agora poderemos atender a toda a poboación demandante, sempre e cando cumpran os requisitos que establece a Xunta de Galicia. É un gran paso na mellora da calidade de vida dos veciños”.

O obxectivo do servizo que prestará a empresa Sol Asistencia é evitar situacións de soidade, así como previr situacións de deterioro persoal e social, ademais de proporcionar a axuda precisa a persoas e familias con dificultades na súa autonomía.

Plans de formación de 30 horas

O contrato tamén inclúe a formación para familiares de usuarios e para coordinadores e persoal do SAF, con plans de 30 horas de duración. Os primeiros serán instruídos en diferentes medidas para a mobilidade ou a hixiene, entre outras cuestións de interese e as clases impartiranse o terceiro sábado dos meses impares do ano 2022. No caso das coordinadoras do servizo, traballarase sobre a Lei de Dependencia, as características do colectivo destinatario ou o desenvolvemento de habilidades directivas. As clases terán lugar o segundo sábado dos meses impares do 2022.

O persoal do SAF recibirá nocións sobre as necesidades de atención hixiénico-sanitaria das persoas dependentes ou a mellora das capacidades físicas e primeiros auxilios para persoas dependentes no domicilio, entre outras. A formación, neste último caso, impartirase o último sábado dos meses impares do 2022.