O Concello de Xinzo de Limia incorpora a Esther Testa Portomeñe como nova interventora
Xinzo de Limia é o primeiro destino profesional de Esther Testa Portomeñe, que se incorpora como interventora do Concello tras tomar posesión o pasado mércores. Natural de Lugo, ten 23 anos de idade e forma parte da bolsa de interinidades da Xunta de Galicia tras graduarse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Tamén cursou nos últimos meses o Máster de Abogacía.
Precisamente no último pleno despediuse a Mónica Legazpi, a anterior interventora. Aínda que non puido estar presente por problemas de saúde, os compañeiros da Corporación trasladáronlle todo o seu agarimo nunha sesión que seguiu de forma telemática. Legazpi deixou o servizo despois de cinco anos en contrato por acumulación de tarefas e pasou a desempeñar as súas funcións na Deputación de Ourense.
A rexedora de Xinzo de Limia, Elvira Lama, deséxalle a Esther Testa Portomeñe un bo comezo da súa carreira profesional: “Este é o seu primeiro posto de traballo na Administración pública e é un posto de gran responsabilidade. Esperamos prestarlle toda a axuda que precise”.