O Concello de Xinzo negocia coa Xunta para desbloquear o proxecto de mellora do campo de fútbol Fernández Carrera, executado a medias e atascado na Deputación
A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e os concelleiros Rafa Penabad, Amador Díaz e Ramón Gómez reuníronse co Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez, para supervisar as obras do entorno da Moreira, onde se están a realizar actuacións para a creación dunha senda peonil de 700 metros e un carril bici. Os traballos mellorarán a seguridade viaria dunha zona moi transitada polos nenos e nenas que fan uso das instalacións deportivas da zona. Esta actuación ten un orzamento de máis de 350.000 euros, dos que a administración local aporta 133.000 euros, a autonómica 67.307 euros e a entidade provincial un total de 150.000 euros, nun exemplo de colaboración entre diferentes administracións.
Precisamente seguindo este exemplo, e tras un percorrido pola zona, as autoridades locais tamén solicitaron ao representante da Xunta de Galicia o respaldo da Administración autonómica para desbloquear o proxecto de mellora do campo de fútbol José Antonio Fernández Carrera. A Deputación provincial tan só habilitou unha terceira parte das gradas, quedando tamén pendente a construción dos vestiarios e da cafetería. Tal e como explicou o concelleiro de Deportes, Rafa Penabad, “tamén é preciso que se cubra lateralmente o campo para que non se molle o público e realizar o illamento do tellado”.
O goberno local espera que unha nova colaboración entre as tres administracións resolva un problema actualmente enquistado.
En paralelo, os usuarios das instalacións están dispostos a iniciar unha recollida de firmas e a presentalas na entidade provincial para que se acometan unhas obras moi demandadas e necesarias para os máis de douscentos nenos e nenas que utilizan o campo, ademais dos equipos de adultos.