Xinzo de Limia Concello

O Concello de Xinzo nomeará fillo predilecto a Edelmiro Martínez Cerredelo para recoñecer as súas aportacións á historiografía do pobo

Para recoñecer a relevancia das súas aportacións á historiografía de Xinzo de Limia, o Concello nomeará a Edelmiro Martínez Cerredelo fillo predilecto. Os trámites xa se iniciaron despois de que se rexistraran máis de 300 sinaturas na plataforma change.org e mañá celebrarase un pleno extraordinario no que se prevé a aprobación do inicio do expediente para outorgar esta distinción ao cronista local e instalar unha placa nun lugar senlleiro da vila, ademais de recoñecelo coa Medalla do Concello de Xinzo.

Na sesión tamén se nomeará como órgano instrutor do procedemento para acreditar os méritos ao concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, para darlle traslado de cantas actuacións existan e habilitándolle para que realice os trámites necesarios para acreditar a existencia de méritos que xustifiquen o outorgamento do distintivo honorífico.

Edelmiro Martínez Cerredelo naceu en Xinzo de Limia, na casa da súa avoa emprazada na Praza de San Roque, o 24 de marzo de 1946. Dende moi novo traballou axudando na gasolineira do seu pai, no restaurante e noutras profesións. Nos anos 1969-1970 foi o encargado da Recadación de Contribucións e Impostos do Estado e Municipais da comarca da Limia por conta de Recadador Oficial. No ano 1971 oposita para subalterno ao Banco Hispano Americano, conseguindo ingresar nesta entidade. A partir deste intre desenvolve toda a súa vida laboral na banca privada durante 28 anos.

Paralelamente, foi concelleiro e tenente de alcalde co Concello de Xinzo de Limia na última Corporación municipal pre-democrática, na década dos 70 e colabora na organización das festas de Santa Mariña.

Unha vez prexubilado cursa estudos no Campus de Ourense, acadando no 2006 o título de Graduado Universitario Sénior. Neste tempo faise voluntario no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, realizando labores administrativas durante máis de 15 anos.

Afeccionado á lectura, o sendeirismo e a fotografía, Edelmiro Martínez Cerredelo participou en dúas exposicións colectivas no Carballiño e no Campus de Ourense e en dúas individuais en Xinzo de Limia. Tamén foi socio fundador na constitución da Asociación Civitas Limicorum, sendo un dos promotores da Festa do Esquecemento.

A partires do ano 2004 comeza a afondar na historia de Xinzo de Limia e comarca, percorrendo incansablemente arquivos e bibliotecas, facendo valiosas achegas á historiografía de Xinzo e da bisbarra da Limia. Esta importante actividade investigadora deu lugar a publicacións en diversas revistas e oito libros que gozan do recoñecemento da cidadanía, en xeral, e de historiadores de distintas áreas temáticas. Algúns deles son Historia de Xinzo de Limia (2012), O Entroido de Xinzo de Limia. Tradición. Respecto. Sentimento (2021) ou Historia Musical de Xinzo de Limia (2021).