Xinzo de Limia Concello

O Concello de Xinzo proxecta a Ruta da Portela, de case 30 quilómetros e cinco tramos para achegar as xoias patrimoniais da vila ao camiñante

Ruta
Ruta

Unha camiñada de preto de 30 quilómetros para coñecer como a palma da man os lugares mais significativos do concello de Xinzo de Limia. Chamarase Ruta da Portela e foi proxectada pola concellería de Medio Rural da man de Amador Díaz. O itinerario xa conta cunha memoria técnica e un presuposto de licitación fixado en 40.000 euros. Para que os camiñantes poidan descubrir diversos aspectos do patrimonio, a paisaxe e a etnografía do lugar establécense cinco tramos: Alameda do Toural-Alto do Depósito; Alto do Depósito-Torre da Portela; Torre da Portela-Mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras; Mosteiro-Piñeira Seca e Piñeira Seca-Xinzo. Esta derradeira ruta preséntase como a máis longa, con 10,5 quilómetros para atravesar as terras de cultivo, cruzar parcelas sementadas de cereal e pataca ata chegar ao curso do río.

No primeiro percorrido, con 3,06 kilómetros e inicio na Alameda do Toural, o camiñante poderá desfrutar da paisaxe ao longo do río Limia polo paseo existente. Chegado a un punto do río que estará convenientemente sinalizado, xirará cara o norte e iniciará a súa subida cara a primeira parada, o Alto do Depósito, un mirado natural sobre a vila. Neste lugar está previsto instalar un punto informativo no que descubriranse aspectos da paisaxe de Xinzo. Xa no terceiro tramo continuarase o camiño ata o Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, onde incorporaranse os correspondentes paneis con documentación sobre a historia desta xoia patrimonial.

A partir do Mosteiro iniciarase un percorrido que levará ao camiñante por sendeiros naturais e carballeiras dende unha altitude de 650 metros ata o punto máis alto da Ruta da Portela, 780 metros de altitude. Neste espazo poderase observar unha panorámica de 360 grados sobre a Limia, divisando os concellos limítrofes e colocarase un miradoiro que elevará lixeiramente o punto de vista para ofrecer unha perfecta vista sobre o Limia. A partir desde punto de máxima altitude iniciarase un descenso cara o río Limia, atravesando o núcleo de Piñeira Seca onde finalizarase o cuarto tramo e comezará o final.

Contido informativo na páxina web

Entre as actuacións a realizar para que esta ruta sexa unha realidade está a limpeza de camiños; acondicionamento de cunetas e desaugues; reposición de firme; recolocación de pedras en fábrica seca; sinalización e equipamento; creación de contido web sobre a ruta na páxina do Concello para informar sobre a ruta en si e sobre o valor dos elementos visitados e a construción dun miradoiro no punto máis alto da ruta cunha zona de descanso e pouco impacto na paisaxe.

Cómpre destacar que non se prevé a realización de expropiacións de solo u outros dereitos afectados para a execución das obras.