Concello e Xunta repararán a ponte sobre o río Limia en Solveira, que non soporta o paso de maquinaria agrícola
A reunión que mantiveron a pasada semana a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, co conselleiro de Medio Rural José González, parece estar dando os seus froitos. Os representantes do executivo local manifestaron a súa preocupación pola problemática que vive o sector agrogandeiro, ao mesmo tempo que demandaron actuacións clave para o concello, como a construción dunha planta de xestión de plásticos agrícolas nunha parcela ao aire libre do seu parque empresarial ou a necesidade urxente de arranxar a ponte sobre o río Limia en Solveira. A infraestrutura presenta graves deficiencias, polo que a Consellería mostrou a súa intención de realizar as obras canto antes, unha vez que os técnicos realicen os estudos pertinentes sobre o terreo.
Tal e como indicaron desde o executivo local, a ponte sobre o río en Solveira presenta unha fochanca importante que dificulta a circulación. As deficiencias da infraestrutura xa foron expostas no seu día á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, se ben ao tratarse dunha pista agrícola é a Consellería de Medio Rural a que se mostra disposta a trasladar ata o lugar aos técnicos para que fagan un estudo sobre a viabilidade das obras. O executivo local xa elabora un proxecto detallado con este fin.
Varias actuacións similares levadas a cabo en Piñeira Seca
A infraestrutura, que foi construída na época da concentración parcelaria, xa non soporta o paso da maquinaria para o transporte de pataca ou cereal. A ponte consta dun tubo metálico recheo de arena que se foi degradando co tempo e co paso da auga. As obras consistirán na instalación dunha placa de ferro e tamén formigón. Cómpre destacar que nos últimos anos xa se levou a cabo o arranxo de varias estruturas similares no lugar de Piñeira Seca.
O concelleiro de Medio Rural de Xinzo de Limia, Amador Díaz, agradece á Consellería de Medio Rural “a súa disposición para facerse cargo do arranxo da ponte, de gran importancia para o transporte de maquinaria dedicada ao traballo do sector agrícola”.