Xinzo de Limia Concello

O Concurso infantil e xuvenil de narración curta Carlos Casares repartirá case 2.000 euros en premios na súa sexta edición

concurso
concurso

Carlos Casares volverá a inspirar a todos os alumnos e alumnas de Xinzo de Limia que participen no concurso literario de narración curta que leva o seu nome. Xa son seis as súas edicións e, co gallo da próxima celebración das Letras Galegas, a Concellería de Cultura vén de facer públicas as bases polas que se rexerá o certame. Outorgaranse dous galardóns en cada unhas das categorías, case 2.000 euros en premios, consistentes en vales para mercar libros nas librarías da vila.

O interese dos escolares por participar foi aumentando nos últimos anos. Aqueles que desexen compartir o seu talento literario poderán concorrer ao premio cun relato escrito inédito en lingua galega. A temática será libre e establécense sete categorías: unha para os cursos de infantil; tres para os diferentes ciclos de primaria; dúas para os de secundaria e unha para os alumnos de bacharelato en adiante.

Co fin de facilitar a participación, os relatos poderán ser enviados ao enderezo de correo electrónico [email protected], incluíndo o título da obra e os datos do autor cun teléfono ou mail de contacto. Os traballos tamén poderán ser entregados en formato físico na Casa da Cultura ou nos centros escolares de Xinzo. Neste caso deberán presentarse nun sobre grande no que figure por fóra tan só o título da obra. No seu interior, ademais do texto orixinal, deberá aparecer outro sobre pequeno que conterá, así mesmo, o título da obra e os datos do autor. Serán nulos os traballos que leven á vista o nome. O prazo para participar remata o 6 de maio.

Está previsto que o fallo do xurado, composto por membros da Fundación Carlos Casares, escritores limiaos, profesores de Lingua e Literatura e técnicos de Cultura e Educación do Concello, se faga público o 17 de maio. Cómpre destacar que as obras non serán devoltas e quedarán depositadas no arquivo municipal dos Premios Literarios Carlos Casares.