Xinzo de Limia Concello

As consecuencias psicolóxicas da pandemia analizáronse na derradeira sesión das xornadas para maiores que promoveu a USC en Xinzo

usc
usc

Como era de esperar, a charla titulada “Medidas preventivas fronte ao contaxio de enfermidades” das xornadas formativas para maiores de 50 anos que ofreceu a USC en Xinzo resultou todo un éxito e serviu para aclarar as dúbidas dos asistentes nun tempo de pandemia no que a sociedade está a recibir moita información. O médico de atención primaria Sergio Cinza Sanjurjo dirixiu a sesión e falou de temas tan interesantes como as consecuencias psicolóxicas que provocará a convivencia co covid-19 ou as diferentes respostas do sistema inmunitario ante o virus.

Os asistentes presentaron as súas dúbidas e repasaron nocións tan importantes como o uso que debe facerse da máscara para que resulte eficaz á hora de evitar os contaxios ou o perigo dos aerosois en espazos cerrados e mal ventilados. En horario de tarde estaba previsto un debate semiestruturado sobre as vacinas e a súa efectividade para controlar a propagación do virus.

As xornadas, que levaron por título “Camiños de coñecemento e experiencia”, achegaron á vila temas que espertaron gran interese. Na primeira sesión púxose en valor o patrimonio cultural de Xinzo cunha ruta guiada e na segunda falouse sobre criminoloxía e política criminal, desvelándose incluso as claves coas que se realiza un bo interrogatorio. A iniciativa da Universidade de Santiago desenvolveuse por primeira vez na vila e resultou todo un éxito , xa que non só asistiron os inscritos, senón tamén veciños que quixeron participar como oíntes.

Desde o Concello manifestouse o desexo de que estas xornadas formativas se volvan a celebrar na vila en próximas edicións, xa que contan cunha interesante oferta cultural dedicada a un sector da poboación ás veces esquecido neste sentido.