Xinzo de Limia Concello

O curso de lingua de signos que promoven o Concello de Xinzo e a UNED atrae a estudantes de Lugo e Pontevedra

presentación
presentación

Romper as barreiras de comunicación existentes entre as persoas xordas e oíntes é o obxectivo do curso de lingua de signos que promoven o Concello de Xinzo de Limia e a UNED. A iniciativa foi presentada esta tarde no salón de plenos da Casa Consistorial e ao acto asistiron a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Educación, Alberto Martínez; o director da UNED Ourense, Jesús Manuel García, e a intérprete que impartirá as sesións, Laura Vila. O curso esgotou as prazas e son 22 as persoas que participan, algunhas chegadas das provincias de Lugo e Pontevedra.

A rexedora, Elvira Lama, que asistiu á primeira sesión que se imparte esta tarde, insistiu na importancia de coñecer e comprender o mundo das persoas que deben empregar esta lingua de signos na súa vida cotiá: “Todos deberíamos coñecela e este curso é especialmente interesante por facilitar a vida das persoas xordas”.

O director da UNED, Jesús Manuel García, explicou que a iniciativa ten para el un significado especial ao ser quen a impulsou e explicou que se trata da terceira edición despois de espertar gran interese na poboación.

O alumnado terá un primeiro contacto coa lingua de signos e adquirirá contido e ferramentas básicas para poder compensar as diferencias lingüísticas entre a lingua oral e a de signos e manter con certa fluidez conversacións básicas sobre cuestións da vida cotiá.

As sesións serán impartidas pola intérprete Laura Vila e terán unha duración de dúas horas e media divididas en 12 sesións. En cada tema tratarase contido léxico, gramatical, sociocultural e pragmático. As actividades que se realizarán en cada sesión serán de comprensión e de expresión. Deste xeito, as clases desenvolveranse de forma práctica case na súa totalidade.