Xinzo de Limia Concello

Deputación e Concello de Xinzo firman un convenio para a reparación de máis de 30 quilómetros de vías

pista
pista

O Concello, a través das concellerías de Urbanismo e Medio Rural, e a Deputación de Ourense sumarán esforzos para mellorar o estado do firme das vías de máis dunha vintena de núcleos de Xinzo de Limia. Así se establece nun convenio de colaboración cun orzamento previsto para as actuacións de 152.964 euros, se ben a Administración local deberá aportar os medios necesarios para a execución das obras, o que representa un total de 87.388 euros. Ademais, teranse que poñer a disposición do ente provincial os terreos necesarios para a realización dos traballos e a tramitación das autorizacións realizadas.

En Laróa, á altura da antiga escola (OU 304) comezará a actuación máis extensa, xa que se renovarán case 4 quilómetros de firme, ata o cemiterio de Faramontaos (OU 1108). Tamén cómpre destacar a obra que se levará a cabo no lugar de Parada, onde se renovarán máis de 3 quilómetros da vía que comeza no núcleo (OU 1112) e rematará en Damil (OU 304). En total, traballarase en máis dunha vintena de puntos ademais dos xa nomeados: Soutelo de Pena, Pena, Porto Alto, Morgade, Baronzás, Xinzo de Limia, A Moreira, San Vitoiro, Mosteiro de Ribeira, Gudes, Lamas, Fiestras, San Pedro, Pidre, Ganade, Seoane, Moreiras, Faramontaos, Gudín, Paredes e Rebordechá. No centro da vila levaranse a cabo traballos en Os Castros (OU 1101) ata o Gadis (N 525) e nos accesos aos institutos (N525).

O concelleiro de Urbanismo do Concello de Xinzo, Ramón Gómez, destacou a importancia deste convenio para mellorar o estado dunhas vías que se encontran moi deterioradas: “Non se actuou sobre elas nun largo tempo. No plan de mellora de viarios decidimos falar coa Deputación, organismo ao que lle estamos moi agradecidos por atender as nosas demandas nun corto período de tempo. Este goberno local non improvisa, todo vai rexido a un meticuloso plan de mellora de vías”.

No seu empeño por mellorar a imaxe das vías de Xinzo de Limia e o tránsito rodado, nas últimas semanas o Concello xa vén de arranxar varios viais que se encontraban moi deteriorados. Unha vez que remataron os traballos de asfaltado, bacheado e perfilado de cunetas, dúas pistas da vila xa locen renovadas. Trátase, en concreto, dunha estrada que une un dos accesos ao centro da vila co lugar de Morgade e outra que comunica As Lamas e Bruxueira. En total, foron máis de cinco quilómetros de obras, sendo esta última pista a que conta con máis superficie renovada.