Xinzo de Limia Concello

Dez integrantes de Limisi realizarán tarefas de mantemento e actividades de entretemento nas piscinas exteriores de Xinzo

LIMISI2
LIMISI2

Nun acto simbólico pero cargado de emotividade, a Asociación de Diversidade Funcional da Limia, Limisi, recibiu esta mañá as chaves das piscinas exteriores de Xinzo, toda vez que o Concello outorgoulle a concesión do servizo nunha aposta decidida pola integración. Así, nos criterios de adxudicación deuse prioridade a que polo menos un 30% do persoal adscrito á execución do contrato pertencese a un colectivo de persoas con discapacidade.

Os concelleiros Ramón Gómez e Rafa Penabad acompañaron no acto á rexedora, Elvira Lama, que quixo poñer en labor esta iniciativa: “Estamos moi agradecidos porque este ano hai un colectivo moi especial para todos os veciños do concello, que son os rapaces de Limisi, e que por primeira vez na historia deste pobo faranse cargo da xestión das piscinas durante a tempada de verán. Debemos visibilizar o seu traballo porque están plenamente cualificados para levar a cabo estas tarefas, que irán desde a axuda no mantemento, ás actividades de entretemento ou á venda de entradas cando non sexa posible realizar o trámite a través da nova app”.

Precisamente esta aplicación móbil, que xa está operativa para os veciños e que pode atoparse facilmente nas tendas de IOS e de Android dos dispositivos móbiles buscando por Xinzo de Limia, permitirá controlar o aforo das piscinas nun momento de pandemia no que non se pode baixar a garda. Sobre este tema tamén aclarou distintos puntos o concelleiro de Deportes, Rafa Penabad: “A normativa polo covid-19 non fará necesario acoutar parcelas nas piscinas exteriores este verán, se ben o aforo máximo é de 600 persoas, xa que as instalacións contan con 3.200 metros cadrados, e haberá que extremar as precaucións”.

Esta app tamén facilitará proximamente a reserva para facer uso doutras instalacións deportivas, como ás pistas exteriores de tenis e baloncesto, que serán de uso gratuíto e nas que se estiveron a realizar obras nas últimas semanas. Mais en concreto, levouse a cabo a limpeza e o pintado destas canchas emprazadas no entorno das piscinas municipais. Nos dous casos, e despois de varias probas, escolleuse o vermello como cor principal, co que melloran considerablemente a súa estética. No caso da pista de baloncesto, esta cor combinouse con gris para delimitar os diferentes espazos de xogo. Ademais, instalouse nun dos seus laterais unha nova canastra para que se poidan realizar torneos de 3x3.

Para que as piscinas puidesen abrir mañá as súas portas ao público foi necesario levar a cabo un arduo traballo, que centrouse en mellorar a calidade da auga coa posta en marcha dun sistema de cloración automática e de control do PH que levaba anos sen empregarse. Tamén destaca a adquisición dun robot de última xeración que se encargará da limpeza dos vasos para que o seu mantemento sexa máis sinxelo.