Os dous CEIPs de Xinzo suman preto de 800 alumnos e alumnas, con 22 novas matrículas
A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, visitou esta mañá os CEIP Rosalía de Castro e Carlos Casares no arranque do curso 2021-2022. A rexedora trasladou todo o apoio do Concello aos mestres e equipos directivos nesta nova etapa escolar marcada pola pandemia, ademais de acompañar aos nenos nun día tan especial.
Sobre os protocolos para evitar os contaxios polo covid-19 Lama manifestou que “estamos seguros de que coa rutina e os protocolos aprendidos este curso será máis doado para todos e todas. O Concello de Xinzo sempre estará ao dispor da comunidade para axudar na medida das súas posibilidades, tanto nas tarefas de reparación como de mantemento e infraestruturas, limpeza e posta a punto das instalacións.
Para non interferir na actividade lectiva, o Concello acometeu obras durante o verán nas instalacións educativas. Máis en concreto, arranxouse o peche perimetral do CEIP Rosalía de Castro, debido a que a alambrada do muro atopábase en moi mal estado e precisaba unha actuación urxente. Tamén se realizaron outras melloras como a reparación das aceiras deterioradas. No caso do Carlos Casares, o Concello construíu o pasado curso un almacén que serviu para aliviar os problemas de espazo do centro educativo, unha vella reivindicación da dirección.
Cómpre destacar que no CEIP Rosalía de Castro están matriculados 390 alumnos e alumnas con 14 novas altas. Conta cun total de 20 unidades, 6 de Educación Infantil e 14 de Primaria. A ratio por aula segue a ser a mesa do curso pasado: 25 escolares, se ben neste centro hai dous cursos con desdobres en tres aulas a unha media de 18 alumnos. Neste curso serán usuarios do comedor 249 rapaces e rapazas.
No CEIP Carlos Casares o número de matrículas ascende a 392, das cales 8 son novas. O alumnado repártese nun total de 19 aulas, 6 en Educación Infantil e 13 en Primaria. Tamén hai desdobres en segundo curso.
Para aqueles escolares de ambos centros que precisen o servizo de madrugadores infórmase de que aínda quedan prazas, xestionadas polas ANPA e que contan cunha aportación do Concello mediante subvención de 3.000 euros.