Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo: “Esta crise sanitaria ten rostro de muller, somos nós as que estamos maioritariamente ao fronte dos coidados”
A importancia de coidar ao coidador. Este foi unha das ideas nas que se incidiu nas xornadas sociosanitarias premiadas coa primeira beca de Medicina Rural que se retomaron hoxe na Casa da Cultura de Xinzo. “Acompañando ao longo da vida” foi o lema da sesión, na que participaron unha decena de poñentes dende médicos, traballadores sociais e incluso familiares de pacientes, que falaron das súas experiencias.
A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, foi a encargada de dar a benvida ás autoridades e colectivos que participaron, facendo unha interesante reflexión: “Quero destacar o rostro desta crise, que como en todas, ten rostro de muller. Somos nós maioritariamente as que estamos ao fronte tanto na sanidade como nos coidados”. A rexedora tamén agradeceu o “excelente” traballo dos profesionais da saúde do municipio, afirmando que son “un exemplo de vocación e resistencia, sobre todo nesta pandemia”. Do mesmo xeito, insistiu na importancia destas xornadas sociosanitarias, organizadas polo centro de saúde da vila e que acaban de recibir o recoñecemento da Asociación de Médicos Galegos e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia.
Dúas mesas redondas completaban a programación. A primeira xirou entorno aos procedementos nos coidados do paciente e tratáronse temas tan interesantes como a morte eticamente asistida ou a nutrición en persoas maiores e en pacientes en situación paliativa. Ademais, explicouse a importancia do Documento de Instrucións Previas, onde os pacientes poden detallar como queren que sexa o seu final. Tamén se explicou aos presentes como debe formularse.
Na segunda mesa foron protagonistas as vivencias de médicos, traballadores sociais e incluso de familiares de pacientes, que falaron de asuntos como os coidados paliativos, en pacientes oncolóxicos ou non. Tamén compartiu a súa experiencia unha coidadora que se responsabilizou da atención a dous familiares. Explicou a soidade a que ás veces tivo que enfrontarse e precisamente atender ao coidador é un dos asuntos no que se quixo poñer o acento na sesión.
Cristina Margusino, xefa do servizo de Atención Primaria de Xinzo, insistiu na necesidade de que as xornadas teñan continuidade e da importancia de establecer plans de saúde locais. Ademais, explicou que as comarcas galegas son moi diferentes polas características dos pacientes, polo que hai que ter en conta en cada a caso a atención sanitaria que precisan.
Estas xornadas que volveron a poñerse en marcha en Xinzo despois dun parón pola pandemia foron deseñadas para favorecer o encontro dos axentes que atenden á poboación e os veciños para describir problemas relacionados coas enfermidades e a forma de afrontalos.