Elvira Lama axiliza o inicio da mellora dos accesos á vila unha vez que rematou a exposición pública do proxecto
A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, mantivo unha reunión en Madrid co Director Xeral de Estradas, Juan Pedro Fernández Palomino, para avanzar no proxecto de humanización dos accesos á vila. Trátase dunha actuación que conta cun orzamento de case 4 millóns de euros e o seu financiamento correrá a cargo do programa de mellora de contornas urbanas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), dotado con 105 millóns do fondo NextGenerationEU.
Cómpre lembrar que a memoria desta actuación foi encargada pola alcaldesa de Xinzo ao comezo do seu mandato e trasladada ao Goberno de España a través do seu delegado en Galicia, José Miñones, en setembro do 2021. Unha vez asumido e aprobado polo Ministerio, o proxecto ven de superar a exposición pública. Unha vez resolto este trámite restaría a elaboración do proxecto construtivo e a súa adxudicación para o inicio das obras, que se estima poda producirse neste primeiro semestre de 2023, tal e como lle trasladaron nesta reunións.
No encontro con director xeral de Estradas, axustaron ao máximo os prazos para axilizar na mesma medida o inicio dunha obra sobre cuxa importancia e transcendencia de cara ao futuro da vila volveu insistir a rexedora: “cambiará dun xeito significativo a súa imaxe e dará prioridade aos peóns fronte aos vehículos para mellorar a seguridade cidadá”.
Lembramos as actuacións previstas no proxecto de humanización dos accesos á vila de Xinzo de Limia:
- As obras obxecto do proxecto consisten na mellora da urbanización da contorna da N-525 ao seu paso polo núcleo urbano de Xinzo de Limia, tratando por unha banda de separar o tráfico rodado da estrada das zonas destinadas ao uso peonil e ao estacionamento de vehículos, así como a dotación de servizos situados nas marxes e que con motivo das obras e dada a súa antigüidade, necesitan ser renovados.
- Procederase tamén a soterrar a liña de iluminación pública, recuaranse as luminarias e semáforos existentes, adaptándoos á nova aliñación das beirarrúas, que gañarán anchura permitindo o paso cómodo e seguro dos peóns.
- A humanización inclúe dúas novas glorietas e na zona do Pombal e da Praza Maior proxéctase unha plataforma elevada ao mesmo nivel das beirarrúas, para dar prioridade aos tráficos peonís.
- Tamén se sobreelevarán dous pasos de peóns, dous pasos ciclistas e dispoñerase un atenuador de velocidade sobreelevado.
- Proxéctanse zonas axardinadas para separar a zona peonil do tráfico rodado e as circulacións peonís e ciclistas.