Xinzo de Limia Concello

Elvira Lama: “Homes e mulleres que aínda pasean por Xinzo débenlle a Genoveva Vázquez a súa entrada neste mundo”

homenaxe1
homenaxe1

Numerosos veciños e veciñas de Xinzo de Limia, algúns deles aos que axudou a nacer Genoveva Vázquez Calviño, acudiron esta tarde á homenaxe desta matrona que asistiu partos de mulleres da comarca durante máis de medio século. O salón de plenos quedouse sen cadeiras libres, e non é para menos, pois tal e como asegurou a alcaldesa, Elvira Lama, “homes e mulleres que aínda pasean por Xinzo ou por calquera outro territorio débenlle a súa entrada neste mundo”. A rexedora insistiu na importancia da súa labor: “Muller traballadora, intelixente e humilde que foi na procura de quen a chamaba a calquera hora, é sobradamente merecedora desta homenaxe a titulo póstumo, que chega con moito retraso, pois morreu no ano 1971”.

O acto institucional dedicado a Genoveva Vázquez Calviño comezou coa lectura do acordo plenario no que se aprobou outorgar este recoñecemento público a título póstumo á matrona. A homenaxe tivo que retrasarse por diferentes motivos, entre eles a pandemia, pero esta tarde Xinzo de Limia reparou a súa memoria.

Unha axuda esencial para moitas familias

A rexedora lembrou a súa biografía. Veciña do Barrio de Abaixo, Genoveva Vázquez Calviño deixou unha fonda pegada en Xinzo de Limia. Destacan os que a coñeceron que era unha muller de carácter, traballadora, solidaria e caritativa. A súa faceta solidaria é moi relevante na historia de moitas familias do concello, pois a axuda que prestaba era esencial.

A súa bisneta Noelia, visiblemente emocionada, agradeceu a homenaxe que levou a cabo o Concello. Ao acto tamén asistiron as súas fillas Eugenia e Manuela, entre outros familiares.

Seguidamente, procedeuse a descubrir unha placa na casa onde viviu Genoneva Vázquez Calviño, na rúa Serra de Manzaneda, e onde tamén moitos veciños e veciñas quixeron estar presentes nun día tan especial.